Rueda defende a política eólica da Xunta "absolutamente garantista" co medio ambiente

Fai estas declaracións un día despois de que miles de persoas se manifestaran para reclamar "unha alternativa enerxética".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2022 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este luns a política eólica do Goberno galego, "absolutamente garantista e respectuosa coa sustentabilidade ambiental, a contorna e os veciños das zonas afectadas", á vez que apelou a "comparar" o modelo galego co que se impulsa desde o Estado, dando a entender que as súas medidas de control son "moito máis laxas".

Así o trasladou, en declaracións aos medios en Santiago, onde participou no acto de firma da 'Alianza Galega polo Clima' un día despois de que varios miles de persoas se manifestasen na capital galega, no Día Mundial do Medio Ambiente, para reclamar "unha alternativa enerxética" aos eólicos.

Convocados pola coordinadora da plataforma 'Eólica si, pero non así', máis de 200 plataformas ecoloxistas, culturais, sociais, sindicais e políticas demandaron polas rúas da capital galega "un modelo enerxético sustentable e xusto".

"Se algo está a facer a Xunta é ser absolutamente garantista e respectuosa coa sustentabilidade ambiental, a contorna e os veciños das zonas afectadas", reivindicou, para engadir que tamén vela polo "necesario progreso económico" que supón unha enerxía eólica "ben xestionada, e ben dimensionada e respectuosa".

Non en balde, salientou que Galicia ten "un potencial moi grande", polo que "entre todos", baixo o seu punto de vista, se debe traballar para alcanzar un modelo eólico que permita "o avance económico e a riqueza" que leva a eólica, "preservando o que hai que preservar".

Nesa dirección xustificou Rueda que traballa a Xunta, antes de aludir á moratoria eólica ou a outras decisións encamiñadas a velar polo respecto ambiental e pola veciñanza. Con todo, contrapuxo que "parte das autorizacións que veñen do Goberno central non van pasar por ningún tipo de avaliación ambiental". "Ou polo menos as que van pasar son moito máis laxas que as da Xunta", apostilou.

"COMPARAR OS DOUS MODELOS"

"Tentaría comparar os dous modelos e trasladar toda a tranquilidade", apelou o xefe do Executivo galego. "Nós temos claro que a enerxía eólica, e as verdes e renovables son o futuro, e que Galicia ten moito futuro aí. E tamén temos claro que a nosa paisaxe e a contorna a hai que preservar", argumentou, para concluír que é "perfectamente compatible".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda | Fonte: David Cabezón - Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta