A Plataforma Galega contra a OTAN convoca actos en resposta ao cume de Madrid

Celebrarase un "contra cume" de carácter internacionalista e antiimperialista na defensa da soberanía dos pobos en Santiago de Compostela, o domingo 19 de xuño.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2022 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

A Plataforma Galega contra a OTAN convocou actos en toda Galicia "como resposta galega ao cume da alianza militar imperialista" que terá lugar os días 29 e 30 de xuño en Madrid. A esta plataforma están adheridas máis dunha trintena de organizacións.

Esta plataforma ten como obxectivos difundir "os verdadeiros obxectivos da OTAN, denunciar o seu carácter agresivo e expansivo e rexeitar o papel dos seus membros, en particular do Estado español, así como o uso de infraestruturas e equipamentos en territorio galego".

Entre as accións divulgativas, destaca a celebración dun "contra cume" de carácter internacionalista e antiimperialista na defensa da soberanía dos pobos en Santiago de Compostela, o domingo 19 de xuño. Será na Nave de Vidán a partir das 9,30 e contará coa participación de figuras do campo da xeopolítica como José Goulão, Ramón Grosfoguel e Ángeles Díez.

Á marxe diso, a plataforma organiza palestras informativas en diferentes concellos do país baixo o título 'Que é a OTAN e cantos nos custa?' para explicar a realidade detrás da alianza militar imperialista.

CITAS

A primeira cita será en Vigo o vindeiro xoves 9 de xuño no café De Catro a Catro, ás 20 horas con Duarte Correa, historiador e analista internacional e Olaia Chaves, membro de Mar de Lumes. Na mesma data, realizará reparticións de forma simultánea nos campus das universidades galegas para informar á mocidade.

Ademais, tamén chama a participar da columna galega na manifestación convocada en Madrid o domingo 26 de xuño. A organización pon autobuses a disposición de todas as persoas que queiran asistir, para o que é preciso inscribirse no correo (plataformagalegacontraaotan@gmail.com).

Manifestación da Plataforma Galega contra a OTAN
Manifestación da Plataforma Galega contra a OTAN | Fonte: CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta