Por Ursula Neilson | Santiago | 30/07/2014 | Actualizada ás 08:00
Segundo o Dicionario de seres míticos galegos, os Meniñeiros son unha “especie de Trasnos familiares que fan sorrir ós nenos moi pequenos e que os demais non podemos ver.” Para facer sorrir e desfrutar, mais tamén para achegar aos nenos as lendas da tradición oral galega, xurde Meniñeiros, a colección de libros infantís para iOS.
O Trasno, o Nubeiro, a Coca, a Meiga e a Serpe son os protagonistas que os lectores de Meniñeiros irán coñecendo a través de actividades e xogos interactivos. A colección xurde da iniciativa de Jessica e Cruz, dúas estudantes do último ano de xornalismo pola USC, que a presentaron o pasado 3 de xullo como Traballo de Fin de Grao, obtendo a máxima cualificación. Hoxe xa está dispoñible o primeiro libro da colección, O Trasno, para todos os nenos que queiran aprender xogando en galego.
“O trasno rebuldeiro” comeza cun matrimonio que escoita ruídos raros na súa casa vella de aldea. A partir de aí comeza a aventura para os lectores máis cativos, que teñen que ir descubrindo a causa dos ruídos… Xa podedes imaxinar cara a onde vai o conto, pero teredes que lelo - se cadra comprobades que a historia non é tan sinxela!
Jessica Méndez e Cruz Negreira, as autoras de Meñineiros, falaron con GCTendencias sobre este proxecto único.
Porque elixistes este proxecto para o voso Traballo de Fin de Grao?
Queríamos facer algo co que nos divertiríamos, e tamén algo práctico.
Nunca fixerades nada parecido?
Non, de feito, nós tiñamos unha idea inicial, pero tivemos que adaptalo moito á plataforma onde montamos o libro (iBooks Author). Fomos cambiando en función das necesidades.
Creo que é difícil darse conta de todo o traballo que hai detrás do voso libro… Cantos meses de traballo van invertidos?
Comezamos en febreiro e ata abril, estivemos recompilando a material. Buscamos os textos e o ilustrador, Eduardo Gómez, quen nos fixo os debuxos. Gravamos as voces en off, buscamos efectos de son, a música… E en maio comezamos a montar. Tivemos que editar os sons, xuntar as voces coa música… Ata xullo, cando presentamos o traballo.
Mentres tanto o noso titor [o xornalista e profesor da USC Manuel Gago] púxonos en contacto con Berta López, unha pedagoga que xa fixera contos infantís anteriormente e nos corrixiu os textos.
Aínda que un pode pensar o contrario, non é nada fácil escribir para nenos…
Nós fixemos un primeiro texto, o máis sinxelo posible, pero non sabes moi ben a que idades enfocalo, se os nenos van entendelo... Berta viu os nosos textos e pensou que podería orientarse para nenos arredor dos 8 anos e indicounos algúns cambios, como cambiar algunha expresión moi complexa ou redactar de forma máis directa.
De feito o libro o recomendades para unha idade moi específica.
Si, de 6 a 8 anos. Está pensado para nenos que xa poden ler ou que estean aprendendo, porque poden quitar o audio e despois poñelo para comprobar se leron ben.
A verdade que está moi ben locutado; Cruz ten unha voz moi doce [comenta Jessica]. E tivemos sorte cun compañeiro, Francisco Rego, que nos axudou tamén coa locución.
E todo isto de forma altruísta: o ilustrador, a pedagoga…
Si, si. Eduardo estaba xusto terminando Ilustración no Pablo Picasso da Coruña e facía o traballo de fin de ciclo sobre a mitoloxía galega. Interesáballe o tema e animouse a colaborar con nós.
Fixestes algún estudo de mercado da oferta de libros infantís dixitais en galego?
Si, tomamos como referencia Xerais, Galaxia e Kalandraka. Non atopamos ningunha colección específica dedicada ás lendas. En Galaxia había unha, pero era de lendas indias, americanas, africanas, xaponesas… e non había ningún libro dos seres mitolóxicos galegos.
Tamén vimos que aínda que estas editoriais tiñan libros adaptados á versión electrónica, eran libro liso, sen multimedia nin interactividade.
Se podería dicir que é o primeiro libro interactivo multimedia para nenos en galego?
Danos un pouco de medo dicir iso, aínda que nós non atopamos ningún. No iBooks Store de Apple apenas hai libros en galego.
Date conta de que os iPads apareceron no 2010, estamos no 2014. A plataforma nosa aínda non está moi desenvolvida e tes que buscarte moito a vida para facer as animacións e tal. Non hai titoriais en internet. Nós fomos traballando a base de probar. A vantaxe é que iBooks Author permíteche traballar de forma gratuíta e tamén publicar.
Pero de tradición oral galega para nenos non hai moito, nin en papel. En Xerais hai dous volumes para nenos, de Reigosa e Miranda, pero en papel. O noso libro é unha adaptación dunha lenda que atopamos nunha enciclopedia [Galicia, Antropoloxía, VV.Autores].
Aínda que para “O trasno” realmente xuntamos varios relatos, porque hai un conto principal e logo podes escoller entre tres itinerarios alternativos. Fixemos unha adaptación de varios textos de tradición oral, e logo puxemos os nomes das personaxes, os diálogos…
E porque elixistes estas personaxes en concreto?
Porque consideramos que eran os máis populares e dos que atopamos máis lendas. O do trasno en particular porque pareceunos máis divertido para os nenos, o máis traveso!
Este primeiro libro é de descarga gratuíta. Para os seguintes tendes pensado cobrar?
Si, temos pensado cobrar 3,99 por capítulo, aínda que tamén pensamos ir mellorando e ofrecer contidos e actividades diferentes. Neste tivemos que reutilizar moitos espazos, para non cargar de traballo ao ilustrador.
Cando estará dispoñible o próximo libro da colección?
Estimamos que para Nadal deste ano…
Como Traballo de Fin de Grao en Xornalismo, algunhas persoas poderían opinar que isto de xornalismo ten pouco…
O tema principal é a divulgación cultural. Á fin o noso traballo é comunicación.
Si, certo. E para terminar, como pensades promover Meniñeiros?
Temos una conta en Facebook, un canal en Youtube, onde imos subindo os trailers, e a páxina web do libro. Tamén temos a intención de facer charlas didácticas en colexios, bibliotecas… non só para presentar o libro, senón tamén para achegar aos nenos os seres fantásticos e lendas de Galicia.
Meniñeiros pódese descargar de balde no iBooks Store de Apple.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.