Galicia sofre no 2021 o peor saldo vexetativo do Estado, con 18.057 mortes máis que nacementos

A crise demográfica acentúase cun descenso de 463 nacementos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2022 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

Galicia padeceu en 2021 o peor saldo vexetativo desde que hai rexistros (1975), con 18.057 mortes máis que nacementos, segundo os datos provisionais que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) este mércores. Esta cifra supón o peor saldo vexetativo en España, seguida a máis distancia por Castela e León (-16.211) e Comunitat Valenciana (-14.106). De feito, a crise demográfica en Galicia empeora en preto de medio milleiro o dato que computou en 2020 (-17.598).

Aínda que a cifra de mortalidade é case idéntica en Galicia en 2021 (32.841 falecidos) que en 2020 (32.845), este retroceso do saldo vexetativo explícase polo descenso de 463 nacementos (-3,2%), que quedan só en 14.784. O de alumeamentos tamén supón o dato máis baixo na serie histórica.

O feito de que a cifra de defuncións se manteña en 2021, -o dato de 2020 --ano de inicio da pandemia-- foi o maior computado na historia de Galicia-, contrasta coa caída media do 8,7% dos óbitos que se produciu en España. Galicia conta coa terceira maior taxa bruta de mortalidade (12,2 mortes por 1.000 habitantes), só por detrás de Asturias (13,2) e Castela e León (12,3).

En cambio, Galicia está na parte baixa do indicador de fecundidade, con só 1,01 crianzas por muller, terceira comunidade pola cola tras Canarias (0,86) e Asturias (0,95). A media estatal está en 1,19. A esperanza de vida dos nados en 2021 é de 83,4 anos, lixeiramente por encima da media (83,1 anos). Á cabeza está Madrid (84,6 anos). No outro extremo está Andalucía (81,4 anos).

AUMENTO DE MATRIMONIOS

Pola súa banda, producíronse 8.925 matrimonios, o que supón un incremento significativo de máis de 3.000 respecto de 2020, no que houbo unha caída acusada das ligazóns pola pandemia. Do total de matrimonios que se celebraron, 7.847 foron de tipo civil e 1.077, relixioso. Nun dos casos non figura a modalidade, segundo os datos do INE.

Unha muller pasea xunto a un ancián en cadeira de rodas  / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press
Unha muller pasea xunto a un ancián en cadeira de rodas / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta