Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2022 | Actualizada ás 14:06
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, mantivo a "oferta", no que a Galicia se refire e a un ano das municipais, para que "goberne a lista máis votada", pero advertiu de que "se se fai, (faise) con todas as consecuencias, non só onde 'me' conveña".
A preguntas sobre as informacións que apuntan que o PP facilitaría que goberne o PSOE se os socialistas o fan en Andalucía --no caso de que a aritmética o permita-- e sobre se, nese caso, a formación popular apoiaría en Ourense que goberne o PSdeG; Rueda remitiuse a que queda un ano para as eleccións municipais e que mantén a "oferta" de que "goberne a lista máis votada".
"É o normal, o lóxico e o que todo o mundo entendería moitísimo mellor. Cando me refiro a todo o mundo e á maioría, é porque estou seguro de que cando a xente vai votar, vai votar pensando que lle gustaría que gobernase a quen vota", expresou.
Así as cousas, Rueda sinalou que "queda un ano e moito tempo" para falar. "Iso si, se se fai, faise con todas as consecuencias, non onde me convén si e onde non me convén, non. As regras de xogo son iguais para todos", sentenciou o mandatario galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.