"Nunca imaxinamos que sería tan duro": de Colombia ao traballo irregular no campo galego

O emprego precario no rural convértese para moitas persoas migrantes en situación administrativa irregular na única vía para subsistir, á espera de conseguir os ansiados papeis.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2022 | Actualizada ás 21:49

Comparte esta noticia

"Din que migrar é fácil, pero sosterse nun país que nada ten que ver co teu nunha situación irregular é moi duro. Nunca o imaxinamos así". Laura e Jorge (nomes ficticios), nai e fillo, convidan afectuosamente a entrar na que é a súa casa en alugueiro desde hai uns cantos meses. Dispostos a contar a súa historia como migrantes, sentan na mesa da súa cociña, situada ao carón dunha lareira na que outrora pasaba a contos, os seus días e as súas noites, unha familia extensa do rural galego. A porta corredía, o chineiro de formica, as longas lacenas ou a única ventá enriba do vertedoiro completan unha estancia na que agora fan vida Laura e Jorge, dous anos e uns meses despois de chegar da gran cidade de Bogotá, Colombia. 

Laura na súa cociña
Laura na súa cociña | Fonte: GC

Pousaron o pé no Estado español, primeiro en varias localidades do sur e máis tarde en Galicia, impulsados polo desexo de darlle un cambio de rumbo á vida, pero a pandemia deixounos encerrados ao pouco de chegar. "A plata acabouse, non podiamos traballar e alugar un piso cando non tes documentos é moi complicado", explica a nai. "A xente cóidase moito dos ocupas, ninguén aluga así porque si", engade o fillo.

O TRABALLO PRECARIO NO CAMPO GALEGO

Vivir no desamparo institucional condena as persoas 'sen papeis', máis de 12.000 en Galicia e unhas 500.000 en todo o Estado, a unha situación de vulnerabilidade e incerteza que impregna o seu día a día. Neste contexto, o traballo precario no campo galego, ben sexa en granxas ou na recollida de froitas e verduras, convértese para moitas delas na única alternativa de substistencia. Á casa de Laura e Jorge tan só chega o soldo del: uns 840 euros que saca de longas xornadas laborais nunha empresa gandeira zona, onde traballa nove e mesmo dez horas diarias durante seis días á semana.

"Foi un cambio difícil. Eu nunca traballara no campo, pero voulle collendo o ritmo ás vacas", di Jorge, que estaba a piques de rematar os seus estudos como enxeñeiro industrial en Colombia. "O máis duro? Cando me puxeron a limpar o terreo de pedras, a man, fosen do tamaño que fosen, para botar despois a colleita". "Un traballo que pode facer unha máquina, pero que tivo que facer el só", puntualiza a súa nai. Ese día, e tamén outro no que lle pagaron cinco euros por unha xornada de traballo de sete da mañá a nove da noite, Jorge estivo moi tentado a deixalo, pero sabe que deste emprego pende unha das opcións máis tanxibles de conseguir un contrato laboral e poder regularizar a súa situación unha vez faga os tres anos de estancia no Estado.

Traballo no campo
Traballo no campo | Fonte: GC

E é que presentar ante Estranxeiría unha oferta de traballo a xornada completa, durante un ano e que supere o Salario Mínimo Interprofesional é un dos requisitos máis difíciles de cumprir para as persoas migrantes que solicitan os seus papeis pola vía do arraigo social, a máis utilizada. Tanto Jorge coma a súa nai, que traballou durante meses como 'interna' por 450 euros e agora mesmo busca emprego, saben ben da dureza do mercado laboral para as persoas migrantes en situación irregular. "Nós sufrimos discriminación dende o momento en que se aproveitan de que non te poden dar de alta na Seguridade Social para pagarche menos do que di a lei", explica Jorge.

A reforma migratoria que agora formula o Goberno de España procura a simplificación destes requisitos e da burocracia para obter os papeis ante a escaseza de man de obra en sectores como o campo, o transporte, a construción ou a hostalaría. Non son poucas as voces que critican que o Goberno tan só acceda a recoñecer os dereitos das persoas migrantes por motivos estritamente económicos. Para Laura e Jorge, trátase dunha "forma descarada de aproveitarse da situación" e piden unha verdadeira regularización masiva que blinde o dereito a migrar: "Hai moita xente que o precisa, moitas nais solteiras que veñen cos seus fillos... Un adulto aguanta a fame, pero un bebé non", sentenzan. 

Ante un arduo proceso de regularización que pode dilatarse máis aló dos tres anos, a man de obra migrante no campo galego percorre granxas coma a de Jorge e plantacións intensivas que precisan de centos de persoas para a recolla de froitas durante limitados períodos de tempo. Sobre estas situacións, o Sindicato Labrego Galego ve "inaceptable" a vulneración dos dereitos laborais e alerta de que "arrastran a todo o sector a unha precarización". "Observamos con alarma o desembarco en Galicia de empresas como Surexport que importan un modelo de precariedade", denuncia a secretaria xeral do sindicato, Isabel Vilalba, que pon o foco no "perigo" de fórmulas empresariais que implican "usar e desbotar as persoas traballadoras no canto de posibilitarlles a opción de construír un proxecto de vida alí onde están". 

O DÍA A DÍA MARCADO POLA INCERTEZA

Á dureza do traballo, ou á ausencia del, súmase a incerteza que provoca non saber cando se vai poder saír da espiral da irregularidade. "Todo o tempo estamos pegados ás redes para ver que cambian, que podo aplicar, como me beneficiaría.... É un tema que non che deixa durmir", explica Laura. Sen eses ansiados papeis, todos os dereitos básicos cambalean: non só a un traballo digno, senón tamén ao acceso á vivenda, á sanidade ou mesmo a crear unha conta no banco. "O máis difícil para nós foi acoplarnos a todo este cambio social e político. Tes a sensación constante de que todo o que estás facendo está mal porque es irregular. Non tes permiso a respirar porque está prohibido, non es unha persoa recoñecida", exprésase Laura.

O temor a saír á rúa e bater coa policía amaina algo nun entorno rural máis illado, no que a xente, describen, é "tranquila, cariñosa e levadeira". "Deixamos de ir a sitios grandes onde pode haber axentes perseguíndote, un colle medo", explican, pero tamén adquire fortalezas ante as adversidades. "Apoiámonos moito mutuamente. Isto fíxonos madurar e hoxe vemos a vida diferente; e aínda que ás veces quixeramos saltar do barco, volveriamos arriscar. En Colombia dise iso de que 'el que no arriesga un pollo no tiene un huevo y el que no arriesga un huevo no tiene un pollo'", bota man a nai do refraneiro popular.

Os dous contan os días para alcanzar os tres anos de residencia e conseguir ese contrato laboral. Saben que ter papeis o cambiaría todo. Porque hai "soños, aspiracións e metas" que quedaron en pausa e están por cumprir. Jorge quixera rematar os seus estudos e emprender. Laura desexa ter a súa propia sala de beleza onde poder contratar outra persoa. "Se está en situación irregular, sei que me poden sancionar, pero a nós axudáronnos e temos que axudar. É un risco que hai que correr". Por todas as persoas que están por chegar. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Pouco a pouco estamos a converter o rural galego nun lugar escuro, e son os tres partidos políticos que viven estupendamente na Cámara do Hórreo os responsables de non facer absolutamente nada para evitalo ! Xa estamos cansos de enviar este Proxecto de Recuperación http://gamela00.blogspot.com/2020/1... Sinerxias e Demografía : vai ser que non... ?