Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2022 | Actualizada ás 16:16
Seguir traballando na internacionalización da cultura galega, profundar na estratexia dixital, buscar novos públicos ou consolidar a relevancia do nome e do papel do Consello da Cultura Galega son algunhas das claves coas que Rosario Álvarez afronta o seu segundo mandato á fronte desta institución.
Así o explicou este xoves durante unha comparecencia parlamentaria para abordar a estratexia que expón para o período 2022-2026 e que ten lugar como paso previo ao seu nomeamento oficial, tras ser reelixida, polo Consello da Xunta.
Álvarez arrincou a súa comparecencia explicado que o programa previsto para o período 2018-2022 foi "amplamente cumprido" a pesar da pandemia, que minguou aspectos como as "saídas ao exterior", pero incrementou as actividades a través da vía da dixitalización.
Outro dos retos executados durante este período, sinalou, foi o de reforzar a produción de informes e documentos para "medir case día a día a situación do sector cultural" e a súa afección pola pandemia. "Alguén tiña que estar a avaliar o impacto da crise sanitaria no sector", dixo Álvarez, que destacou o "esforzo extraordinario" realizado polo Consello da Cultura Galega.
Este esforzo, engadiu, fíxose aínda a pesar de ter un cadro de persoal pequeno -aínda que con "excelentes profesionais"-- que apostou por reforzar, o que derivaría en "fortalecer" o papel representativo do propio Consello.
A toda a programación, Rosario Álvarez estendeu a necesidade de "cohesionar o ecosistema cultural galego", algo para o que compromete o traballo do CCG e a súa capacidade de ser un "espazo de confluencia" entre os distintos actores.
Tamén considera "imperativo" o "alongar a base do Consello" e "incorporar un colectivo maior, plural e cambiante de voces competentes en moi diversos campos", unha acción que o regulamento permite a través das "comisións temporais". "A necesidade de alongar a base vén dada porque o Consello ten que estar a se manifestar continuamente en temas en grao sumo variado", dixo Rosario Álvarez, o que "obriga a extremar o coidado en contar cos mellores especialistas" e cun "enfoque plural".
En canto á programación, continuará apostando por sete tipos de actividades: iniciativas presenciais, como foros; programación dixital; informes e actividades de asesoría; exposicións; publicacións; arquivos de fondos e comunicación.
LIÑAS DE ACTUACIÓN 2022-2026
Durante a súa comparecencia, Rosario Álvarez defendeu tamén as liñas de actuación do seu mandato para o próximos catro anos, que enunciou a modo de decálogo. Así, apostou por "seguir buscando a vertebración do sete tipos de intervención nunha programación cohesionada", por traballar na estratexia dixital de divulgación e de programación e por reforzar a "marca" do Consello da Cultura Galega.
Tamén incidiu na necesidade de seguir explotando os arquivos da institución, de aumentalos, e de "dar visibilidade" a outros fondos, especialmente aos fotográficos. "Fieis lle aos principios da cultura como dereito", os membros do CCG seguirán "apostando pola igualdade de oportunidades no acceso á cultura" e pola obrigación desta institución para coa cultura propia de Galicia.
De novo, Rosario Álvarez incidiu na necesidade de traballar por unha "cohesión do ecosistema cultural galego", atendendo especialmente á cultura de base e ao conxunto do territorio, así como de buscar estratexias para chegar a novos públicos. A internacionalización da cultura, o desenvolvemento dun programa de acción exterior que "se compase" co programa xeral e a celebración ao longo deste mandato o 40 aniversario da institución tamén guiarán os proxectos do CCG durante os próximos anos.
PSOE E BNG CRITICAN A IMPLICACIÓN DA XUNTA
Durante a sesión, os grupos políticos agradeceron a intervención de Rosario Álvarez, á que felicitaron pola súa reelección. PSdeG e BNG, así mesmo, criticaron o que, na súa opinión, é a falta de apoio da Xunta cara a esta institución.
Así, a deputada socialista Noa Díaz criticou "a desatención á que someteu o Goberno" galego a este órgano, tanto en materia de "recoñecemento político" como de orzamento. Por iso, para este próximo mandato, confiou en que cambie a actitude da Xunta e que "o Consello da Cultura Galega sexa, por fin, a ferramenta imprescindible para axudar a definir as políticas culturais" de Galicia.
Na mesma liña, a deputada do BNG Mercedes Queixas, que eloxiou o papel do CCG en ámbitos como a lingua galega e a súa acción "participativa", lamentou que non haxa "un Goberno galego á altura desta máxima institución estatutaria" que, lembrou, "aínda non recuperou os orzamentos de 2008".
Pola contra, a popular Teresa Egerique garantiu a colaboración da Xunta co Consello da Cultura, un organismo do que resaltou a súa importancia como asesor, elaborador de informes e difusor do legado cultural de Galicia. Sobre o seu orzamento, Egerique dixo que "se está facendo unha política de aumento de orzamentos na cultura galega", de acordo coa situación actual, e que a Xunta "está no camiño adecuado para que se cumpran as expectativas e obxectivos".
Sobre a cuestión orzamentaria, Rosario Álvarez criticou os fondos que desde a Xunta se destinan a esta institución, cuxas contas "non están a crecer". "Non nos vemos desatendidos de maneira xeral, pero ás veces un pouco si", admitiu a presidenta, que sinalou que, se se ten en conta "o custo da vida", na práctica o Consello "ten menos diñeiro do que tiña".
"O noso orzamento non está a crecer paulatinamente, parecía que si, pero non. E alguén lle ten que pór remedio a isto", dixo Rosario Álvarez, que lembrou que poderían facer "moito máis" se houbese "recursos" e precisou que se está "recorrendo moito ao voluntariado" para sacar adiante iniciativas.
O Consello, destacou a presidenta, non alcanza aínda os niveis orzamentarios de 2008, polo que se mostrou crítica cos datos anteriores a pandemia. "Cando se anuncian ano tras ano que son 'os maiores presupostos da comunidade', entón dicimos por que non nos cae nada?", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.