Os castelos e espazos naturais de Pontevedra acollen dous programas culturais este verán

É a aposta da Deputación provincial para "encher de cultura" esta tempada de bo tempo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2022 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra presentou este martes dúas iniciativas para encher de cultura o verán. A primeira, 'Tras as ameas', é un ciclo que convida a vivir experiencias entre muros de historia, concretamente nos castelos de Soutomaior e Sobroso, onde prepararon para o público moitas sorpresas cheas de maxia, música, danza, circo, teatro, contacontos e talleres artísticos.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, explicou en rolda de prensa esta nova aposta pola activación destes espazos históricos cunha ampla e diversa oferta de "actividades inspiradoras dirixidas a todos os públicos".

Este 2022 celébrase a terceira edición deste programa cheo de imaxinación que comeza o xoves 30 de xuño con Faia Díaz & Benxa Otero (Dúo de voz + oboe), ás 22,00 horas no Castelo de Sobroso. A seguinte actuación será o 7 de xullo co grupo Migallas que representará o contacontos musical 'Elas pintan moito', ás 19,00 no Castelo de Soutomaior.

Ao longo do verán actuarán nestes históricos castelos Mamá Cabra e Bellónmaceiras; Pedras de Cartón: o Mago Noel; María Domínguez, Laura Iturralde e Amase Pérez; Barafunda Animación; Canta contos. Sons da batea; Circo Chosco; Pablísimo; Culturactiva; a Compañía Vaia e talleres con Alexandra R. Rei e María Gar.

'BAILANDO A TERRA'

Nesta mesma comparecencia, Carmela Silva tamén presentou 'Bailando a Terra', un programa de danza en espazos naturais de Caldas de Reis, Forcarei, A Illa de Arousa, Poio e Tui, aproveitando o paso das rutas xacobeas a Santiago de Compostela, nunha "simbiose coa natureza para sentirnos en contacto co territorio".

En colaboración con compañías profesionais de diferentes disciplinas, así como coas escolas de danza da provincia, a Deputación de Pontevedra presenta este ciclo que empezará o 8 de xullo en Caldas coa compañía Trébede que actuará ás 20,30 horas na Carballeira. O 5 de agosto actuará no edificio de usos náuticos da Illa de Arousa a compañía Nova Galega de Danza, ás 21,00 horas. O 6 de agosto en Poio, ás 20,30, no xardín da capela da Virxe da Renda, actuará Galicia en Danza (Escola de Danza de Baiona).

O 13 de agosto, na Carballeira de Soutelo en Forcarei actuará ás 20,30 horas Máisquedanza, a Escola de Danza de Lalín, e o 23 de setembro, ás 20,00, conclúe este ciclo no paseo fluvial de Tui con Unidance, a Escola de Danza de Vigo.

Castelo de Soutomaior, en Pontevedra
Castelo de Soutomaior, en Pontevedra | Fonte: Castelo de Soutomaior

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta