'Grandíssimo' Gustavo César Veloso

O ciclista arousán, virtual gañador da Volta a Portugal tras vencer na penúltima etapa contra o reloxo con 54 segundos de vantaxe sobre o segundo. Delio Fernández, terceiro na xeral. Este domingo, chegada a Lisboa.

Por gcdeportes | Compostela | 09/08/2014 | Actualizada ás 19:49

Comparte esta noticia

Arrasou na penúltima etapa, contra o reloxo individual de 28,9 quilómetros, e sentenciou a Grandíssima, como chaman no país veciño á Volta a Portugal. O ciclista arousán Gustavo César Veloso (OFM-Quinta da Lixa) foi primeiro cun tempo de 35:07 e unha vantaxe de 54 segundos sobre o segundo, Víctor de la Parte, e 1,18 sobre o terceiro, Stefan Schumacher. O moañés Delio Fernández foi noveno a 1,50 e ascende á terceira posición da clasificación xeral, polo que estará tamén no podio de Lisboa.

Trala clara vitoria na novena etapa, cunha velocidade media de 49 km/h, Gustavo César Veloso é máis líder, con 2,01 de vantaxe sobre o portugués Rui Sousa, quen conserva a segunda posición, a falla do trámite da última etapa, de 167,1 quilómetros e con chegada a Lisboa.

Grazas á novena posición na crono, Delio Fernández estará tamén no podio de Lisboa, sendo terceiro a 2,54 do seu amigo e compañeiro de equipo. Delio salvou o amarelo de Veloso na etapa raíña do xoves, e o virtual vencedor da Volta agradeceu o apoio do seu equipo: “Fixeron un traballo excelente. Se ao final consigo gañar, media Volta é deles”.

Gustavo César Veloso, na proba contra o reloxo.
Gustavo César Veloso, na proba contra o reloxo. | Fonte: volta-portugal.com

Veloso, no podio tras gañar a penúltima etapa.
Veloso, no podio tras gañar a penúltima etapa. | Fonte: volta-portugal.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta