Organizan unha homenaxe a Pablo González Mariñas pola súa "contribución ao autogoberno"

Antigos compañeiros do eido da política, a universidade e o dereito recoñecerán o legado do exconselleiro e deputado nacionalista cun xantar no Monte de San Pedro da Coruña o venres, 8 de xullo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Unha 'Homenaxe Nacional' recoñecerá o legado e a contribución ao autogoberno do exconselleiro e deputado nacionalista Pablo González Mariñas.

O deputado nacionalista Pablo González Mariñas
O deputado nacionalista Pablo González Mariñas | Fonte: arquivo

Antigos compañeiros do eido da política, a universidade e o dereito veñen de organizar unha 'Homenaxe Nacional' para o vindeiro 8 de xullo a Pablo González Mariñas, exconselleiro de Presidencia e Administración Pública e voceiro da Xunta de Galicia (1987-1990), deputado do Parlamento de Galicia (1981-1989 e 2005-2009) e profesor titular de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela e na Universidade da Coruña

A Comisión Organizadora do acto, conformada por diversos sectores da sociedade, da cultura, da economía, da política e da universidade galegas, quere recoñecer así a delongada traxectoria de González Mariñas "en defensa dos intereses políticos de Galicia, a súa contribución ao desenvolvemento do autogoberno e da súa Administración Pública e a súa contribución ao noso Dereito e á nosa Universidade", expoñen nun comunicado. 

A homenaxe terá lugar o venres 8 de xullo dende as 13:30h no Restaurante Árbore da Veira, no Monte de San Pedro da cidade da Coruña. As persoas interesadas en acudir poden inscribirse antes das 00:00h do sábado 2 de xullo escribindo ao correo homenaxe.pablogonzalezmarinas@gmail.com. A comisión organizadora convida a toda a cidadanía galega a se sumar a este recoñecemento público a esta senlleira figura  da nosa historia contemporánea. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta