Dimite o xefe de Medicina Interna do CHUS ante a "sobrecarga" que sofre a sanidade

Antonio Pose trasladou a súa renuncia nunha reunión coa Xerencia na que falou do "tensionada" que está a sanidade pública. O PSdeG denuncia a "situación de alerta" no Sergas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2022 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Antonio Pose, o ata agora xefe do servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), presentou este mércores a súa dimisión á Xerencia da área sanitaria, segundo confirmou el mesmo a Europa Press. En concreto, Pose manifestou o seu desexo de deixar o cargo nunha reunión mantida na mañá deste mércores á que asistiu a xerente da área, Eloína Núñez. De acordo con fontes dos presentes neste encontro consultadas por Europa Press, Pose chegou a ler diante de todos eles unha carta na que presentaba o seu cesamento.

Tal e como explican as mesmas fontes, tratouse dunha reunión "tensa por momentos" e, ao concluír, o xefe do servizo fixo lectura deste documento e manifestou que "levaba xa tempo pensando" en dimitir dada a sobrecarga que sufría o seu departamento.

Na súa intervención, Pose falou do "tensionada" que está a sanidade pública e pediu un reforzo de recursos humanos, á vez que mostrou o "orgulloso" que sentía de pertencer ao servizo de Medicina Interna e dos proxectos impulsados baixo a súa xefatura. Con todo, presentou a súa dimisión "por coherencia".

Este cesamento saíu á luz este mércores durante o pleno do Parlamento galego, despois de que o deputado do PSdeG Julio Torrado desvelase esta dimisión durante unha interpelación ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Con todo, Comesaña, na súa resposta ao socialista, replicou que o que lle trasladaron era "que se xubilaba".

Con todo, de acordo coas fontes consultadas por Europa Press, era unha dimisión que "xa se vía vir", dado que Pose ameazou con facelo varias veces con anterioridade porque xa había "conflitos" anteriores e non sentía o "respaldo" da Xerencia. Así mesmo, as mesmas fontes lamentan que o conselleiro falase dunha xubilación: "El dimitiu, independentemente de que se estivese a piques de xubilar".

QUEIXAS DO SECTOR

Este cesamento, confirmado xa a Europa Press polo propio Antonio Pose, prodúcese despois de que en maio fixese o mesmo a súa homóloga no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Ademais, ocorre nun contexto no que sindicatos, plataformas, colexios médicos e outros representantes do sector coinciden en sinalar a sobrecarga non só do servizo de Medicina Interna, senón tamén de Atención Primaria.

No entanto, o conselleiro de Sanidade incidiu este mércores no Parlamento que "o maior problema" de Medicina Interna é a cobertura dos comarcais, un aspecto no que se están "poñendo medidas" como o reforzo de compensacións asociadas aos profesionais de nova contratación.

A isto hai que sumar o acordo logrado este mércores cos sindicatos para incluír, entre outros asuntos, un complemento de 12.000 euros anuais para persoal médico de familia con prestación adicional de catro horas e media á semana cunhas 300 cartillas extra ao ter no seu centro algunha praza vacante.

O ata agora xefe de Medicina Interna do CHUS, Antonio Pose
O ata agora xefe de Medicina Interna do CHUS, Antonio Pose | Fonte: arquivo

PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, advertiu este xoves de que Galicia atravesa unha situación de "alerta sanitaria", tal como evidencia as dimisións nos servizos de Medicina Interno.

O líder socialista volveu urxir ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que adopte medidas, pero que primeiro sente a falar para "priorizar os orzamentos" necesarios para que se "iguale o investimento en Atención Primaria e hospitalaria" ao resto de comunidades autónomas.

"É unha esixencia que ten máis xustificación que nunca", subliñou González Formoso, tras lembrar as dimisións en Medicina Interna, "unha parte neurálxica dos sistemas sanitarios".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta