O Sergas insiste en que "non pecha camas" no verán: "En 30 anos ninguén quedou á espera"

Así o afirmou en respostaa unha pregunta do BNG sobre o anuncio de peche de camas hospitalarias e a redución da actividade asistencial nestes meses.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2022 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Jorge Aboal, insistiu este xoves en comisión parlamentaria que "non se pechan camas" na época estival e asegurou que están preparadas todo o verán" para "os pacientes que as necesiten".

Así o afirmou en resposta en comisión parlamentaria a unha pregunta da deputada do BNG Iria Carreira sobre o anuncio de peche de camas hospitalarias e a redución da actividade asistencial nos meses de verán. "Bloquearán un 10% de camas no verán", manifestou a parlamentaria do Bloque ao realizar a pregunta.

"Un ano máis e xa son sete, as camas non se pechan, seguen dispoñibles ao 100% e están preparadas todo o verán para ser utilizadas se os pacientes así o necesitan", afirmou o director xeral en resposta á pregunta do BNG. "O Sergas non pecha camas", volveu sinalar na súa intervención en comisión. Ademais, afirmou que "non hai diminución de quirófanos" e "están todos preparados para ser utilizados".

"Cando teñen necesidade de ingresar, todos os pacientes en Galicia que necesitan o ingreso teñen unha cama sempre", defendeu, para lembrar que leva "30 anos" en Galicia "e non hai xente que quede á espera porque as camas están bloqueadas". "Non sucede", sentenciou. "Se hai demanda, as camas vanse habilitando", apostilou.

ACTIVIDADE E DERIVACIÓN

Sobre a actividade asistencial, o director xeral sinalou que entre xaneiro e maio "aumentou" en todos os ámbitos, cun 12,4 por cento máis de cirurxías, un 7% máis de consultas e un 11% máis de probas. Segundo detallou, entre xaneiro e maio, con respecto ao mesmo período de 2021, fixéronse máis de 8.000 intervencións cirúrxicas máis; máis de 130.800 consultas externas e máis de 139.100 probas máis.

Antes as críticas de derivación "sistemática" por parte do Sergas de pacientes en lista de espera con prioridade tres --a non urxente-- a centros concertados realizada pola deputada do BNG, Aboal puntualizou que nos últimos cinco anos as persoas derivadas foron "un 2%", mentres que o 98% recibiu asistencia nos centros do Servizo Galego de Saúde. Sobre o período de 2017 e 2021 situou a derivación a centros concertado nun 10%, "que é o 50%", subliñou, dos derivado no período "2005-2009" durante "o bipartito". "Xa o dixen no seu día", abundou.

"MELLORES RESULTADOS"

No caso concreto das listas de espera, destacou que en 2019, antes da pandemia, Galicia rexistrou "as mellores cifras dos 16 anos que existe o rexistro" e "a pesar" da Covid-19 situouse como "a terceira comunidade con mellores resultados en todo o territorio nacional". En especial resaltou as especialidades de Otorrinolaringoloxía e Cirurxía Vascular que contan "cos mellores resultados".

"As listas de espera reflicten o traballo de moitos profesionais por resolver os problemas dos pacientes", explicou, para afirmar que "sempre" queren "mellorar os datos" de demora. Aboal comentou que a planificación "leva a adecuación de recursos ás necesidades asistenciais" e "todos os anos tense en conta o decremento da demanda" no período estival. Por iso, defendeu que o Sergas dispón "operativos todos os recursos necesarios para a asistencia sanitaria".

Camas baleiras para novos pacientes nun hospital de Galicia
Camas baleiras para novos pacientes nun hospital de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta