A Xunta cancela a Tarxeta Básica destinada a persoas vulnerables pola crise da covid-19

Alfonso Rueda asegura que as axudas do Goberno galego fronte a emerxencias sociais continúan.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/06/2022 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou este xoves que a Tarxeta Básica non terá continuidade ao asegurar que se tratou dunha medida "excepcional" adoptada durante a pandemia pola "situación excepcional" que se producía. Con todo, destacou que as axudas do Goberno galego fronte ás emerxencias sociais continúan.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, preside a reunión semanal do Consello da Xunta
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, preside a reunión semanal do Consello da Xunta | Fonte: David Cabezón - Xunta de Galicia.

Preguntado pola finalización da vixencia desta Tarxeta Básica que facilitaba axudas económicas a familias en situación vulnerable para comprar produtos de alimentación, hixiene ou farmacia, Rueda lembrou que se tratou dunha medida posta en marcha nun momento no que "había moitas restricións en moitos sectores económicos, que impedían directamente que moita xente puidese ir traballar".

"Era necesario axudar a todos os sectores, especialmente aos máis desfavorecidos", sostivo Rueda, que insistiu que a situación excepcional da pandemia "respecto da imposibilidade que había de traballar", agora "non a hai". "Por tanto, finalizada a situación excepcional, finalizada esa medida para a situación excepcional", dixo.

Con todo, argumentou que "iso non quere dicir" que as medidas de apoio da Xunta non continúen en vigor noutros ámbitos, especialmente no que respecta á inclusión social. Así, referiuse a iniciativas como a Risga e o Bono Social Térmico.

"Pero unha medida para unha situación excepcional remata cando termina a intensidade desa situación excepcional, sen que, en ningún caso, terminen por iso as axudas da Xunta fronte ás emerxencias sociais", finalizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta