Plexus supera os 100 millóns de facturación e dá o salto ao mercado americano

A tecnolóxica pretende incorporar a máis de 500 profesionais na segunda metade de 2022.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/07/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A gran tecnolóxica galega, Plexus Tech, continúa o seu proceso de expansión no mercado europeo e internacional, e acaba de superar os 100 millóns de euros de facturación. De feito,  xa abriu centros de negocio e polos tecnolóxicos en Polonia, Alemaña, Londres, Lisboa ou Miami.

Oficinas de Plexus en Santiago de Compostela. PLEXUS
Oficinas de Plexus en Santiago de Compostela. PLEXUS

Con este despregamento e crecemento en novos países, a compañía galega busca gañar, principalmente, novos mercados. Para iso a tecnolóxica desenvolveu un plan interno de "supertalentos" nas últimas tecnoloxías como "cloud, data, ecommerce ou ciberseguridad". O obxectivo é incorporar a máis de 500 profesionais na segunda metade de 2022 que se sumarán aos 2.200 integrantes actuais.

Segundo apunta a empresa nun comunicado, conta con case 30 polos tecnolóxicos nacionais e internacionais que se reconverteron nos chamados Connection Points. "Grazas a un modelo híbrido de traballo flexible que permite seguir gañando eficiencia, axilidade e versatilidade, o talento interno pode así atoparse neste CP cando o consideren e necesiten para intercambiar coñecemento e experiencias", indica.

Plexus conta cun modelo de ecosistema tecnolóxico de servizos 360º, baseado na innovación, que lle permite contar entre os seus clientes coa práctica totalidade de empresas do IBEX 35 así como os grandes retailers, operadores turísticos e entidades financeiras. O seu potencial está en axudar ás empresas e administracións públicas a axilizar os seus procesos de transformación dixital.

A empresa conta con máis de 20 anos de experiencia. Nos últimos tres exercicios, Plexus experimentou un crecemento de dobre díxito e agora aposta polo mercado americano coa apertura da súa oficina en Miami.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta