Yayo Herrero: "A humanidade sempre está a unha colleita da súa propia extinción"

Antropóloga e activista, Yayo Herrero converteuse nunha das voces máis salientables do ecofeminismo no Estado español, unha xeito de entender o mundo a través das ferramentas ecoloxistas e feministas para desvelar os vínculos entre as diferentes opresións. Este luns ofreceu unha charla na USC.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Estamos nun momento de verdadeira guerra contra a vida. A economía, a política e unha boa parte da cultura desenvólvese de costas ás bases materiais e sociais que permiten soster dignamente a vida humana e doutras especies". Así de contundente arrancou Yayo Herrero (Madrid, 1965), antropóloga, enxeñeira, profesora e activista, o faladoiro organizado este luns polo Concello de Santiago en colaboración coa USC na Facultade de Filosofía. Baixo o título 'Ecofeminismo e cambio climático. Seguridade e equidade nos tempos do Antropoceno', Herrero, unha das pensadoras ecofeministas máis influentes a nivel europeo, debullou as urxencias e desafíos diante do cambio climático e o declive "inevitable" de enerxías e materiais.

Yayo Herrero ofrece unha charla sobre cambio climático na Facultade de Filosofía da USC
Yayo Herrero ofrece unha charla sobre cambio climático na Facultade de Filosofía da USC | Fonte: Galicia Confidencial

Hai precisamente agora 50 anos, o informe Meadows, denostado durante moito tempo, xa alertaba de que, de seguir coa tendencia exponencial de extracción de enerxía e materiais, a sociedade toparía cos límites físicos do planeta e desencadearíase un proceso de desestabilización de todos os ciclos naturais. Hoxe, nun mundo que xa alcanzou no 2006 o pico de extracción do petróleo e que "silenciou" durante anos moitas das alertas climáticas na "volta de torca neoliberal" que supón o negacionismo, Yayo Herrero lamenta que a resposta das institucións á crise climática é "altamente deficiente". 

"As sociedades hipertecnolóxicas e occidentais aprenderon a mirar a natureza desde a superioridade, a exterioridade e a instrumentalidade"

"Como é posible que nunha sociedade que se autodenomina do coñecemento, as teses negacionistas confrontaran co que formulaba o 99% da comunidade científica?", pregúntase. O cambio climático, de orixe antropoxénico e de consecuencias "potencialmente catastróficas" para o ser humano, supón a "mudanza das regras de xogo que organizan todo o vivo", sinala Herrero, nun planeta onde os seres humanos somos "radicalmente ecodependentes e vulnerables". Tanto, prosegue, que podería dicirse que "a humanidade globalmente está sempre a unha colleita da súa propia extinción". Porén, a pesar desta dependencia vital, as sociedades hipertecnolóxicas e occidentais aprenderon a "mirar a natureza desde a superioridade, a exterioridade e a instrumentalidade", sinala a antropóloga.

DECLIVE DE ENERXÍAS E MATERIAIS

Yayo Herrero formula que o cambio climático cómpre abordalo en conexión con outra problemática ecosocial: o declive de enerxía e materiais. "Vivimos en sociedades capitalistas nas que comemos petróleo, en cidades que non funcionan se non se mete todos os días en camións o necesario para sobrevivir e non se sacan os residuos que se xeran. Temos de frente o esgotamento dos recursos fósiles", explica a antropóloga. Unha realidade ante a que as axendas verdes propoñen unha transición ás enerxías renovables e aos coches eléctricos e un despregamento da tecoloxía 5G, mais Herrero pon o foco na "enorme cantidade de minerais, algúns deles que xa alcanzaron pico extracción e outros que o alcanzarán nos próximos anos, que precisan estas tres patas da sostibilidade". 

A antropóloga ecofeminista Yayo Herrero
A antropóloga ecofeminista Yayo Herrero | Fonte: UNED

"Precisamos crear unha sociedade cuxa política, economía e cultura teñan como prioridade garantir vidas dignas para todas as persoas"

Por iso, explica a antropóloga, se ben a enerxía renovable e limpa é a única solución, "é crucial ter en conta que hai que transitar cara a outros modelos económicos radicamente distintos", que se afasten das dinámicas do malgasto e que non alenten "as expectativas de acumulación de ganancias para quen é dono dos medios de produción", sentenza Herrero, que apela a construír unha nova economía que teña en conta o seu contexto de partida: "un mundo translimitado" - cos seus límites físicos xa superados - e en cambio climático. "Precisamos crear unha sociedade cuxa política, economía e cultura teñan como prioridade garantir vidas dignas para todas as persoas", explica. 

A PERSPECTIVA ECOFEMINISTA

"Somos seres radicalmente ecodependentes - non hai economía nin tecnoloxía posible sen natureza - e somos seres radicalmente vulnerables, inevitable e ciclicamente necesitados", sinala Herrero. Entre esas necesidades básicas, sitúanse os coidados que as persoas precisan ao longo de toda a vida, e asumidos historicamente polas mulleres. "Ao longo da historia quen se ocuparon da reprodución cotiá e xeracional da vida foron maioritariamente mulleres, non porque esteamos mellor dotadas para coidar doutras persoas, senón porque vivimos en sociedades patriarcais que asignan de forma non libre ese traballo maioritariamente a mulleres", sinala.

Por iso, Yayo Herrero céntrase no nesgo de xénero, mais tamén de clase, procedencia e mesmo idade, que atravesa o fenómeno do cambio climático e o declive de enerxías. "Son maioritariamente as persoas máis empobrecidas, as mulleres que sosteñen a vida en modelos onde a vida é atacada, as poboacions migradas, os campesiños indíxenas, quen sofren as maiores consecuencias e quen neste momento articulan as maiores resistencias para frear a crise e defender a vida", explica a antropóloga, que tece vínculos entre o capitalismo e o patriarcado, un "modelo de violencia no que o propio corpo das mulleres é utilizado como territorio de conquista e combate". 

"As fronteiras que rodean a Europa rica non permiten entrar persoas migrantes pero ábrense e péchanse todos os días para que entre enerxía, pesca e alimentos dos países desas persoas migrantes"

Desta maneira, Yayo Herrero tamén pon enriba da mesa as guerras e migracións forzosas como consecuencias, aínda que non só, do "extractivismo e o cambio climático". "As materias primas, alimentos e enerxías que chegan ao Estado español e Europa veñen de países cruzados por unha enormidade de conflitos violentos", fala Herrero, que relaciona igualmente o valado de Melilla e as vidas que leva por diante co modelo económico extractivista imperante. "As fronteiras que rodean a Europa rica non permiten entrar persoas migrantes pero ábrense e péchanse todos os días para que entre enerxía, pesca e alimentos dos países desas persoas migrantes".

A antropóloga alerta dos discusos neoliberais que convirten a "vítima na ameaza", posto que impiden ver que "o perigo é realmente o cambio climático, o modelo económico que depreda, e non a persoa africana que sae dun territorio invivible e procura ir a onde van as súas materias primas", sentenza. Uns discursos con pegada real ante os que urxe "accións decididas e colectivas". "Cómpre entender os problemas estruturais se non queremos meternos nunha lóxica de guerra contra todos, de sinalación de chivos espiatorios onde só saen beneficiados sectores privilexiados que, amparados polo poder económico, político e militar, seguen sostendo estilos de vida inviables mentres moitas persoas quedan á marxe". 

SUFICIENCIA, REPARTO E COIDADO

"Necesitamos construir ao máximo posible todas as iniciativas locais que vaian liña da sostibilidade da vida: cooperativas de servizos financeiros, enerxéticas, redes coidados compartidos..."

Fronte a esta realidade, Yayo Herrero condensa as liñas de acción nun contexto e tres principios. "O contexto é o inevitable decrecemento da economía, imos vivir con menos recursos, minerais, auga, pesca... Queiramos ou non", sentenza. Os principios pasan pola suficiencia - empregar tan só o necesario -, o reparto - "a clave para sobrevivir pasa por repartilo todo, a riqueza, o acceso a enerxía, alimentos, vivenda, coidados dignos..., como nunca antes o fixemos" - e o coidado da vida. "Cómpre desfeminizar os coidados e recompoñer o conxunto da política pública desde a perspectiva da seguridade e sostibilidade das vidas", explica Yayo. 

"Mentres tanto", di, "temos que organizarnos para intentar facer por debaixo todo o que hai que facer sen que nos dean permiso. Necesitamos construir ao máximo posible todas as iniciativas locais que vaian liña da sostibilidade da vida: cooperativas de servizos financeiros, enerxéticas, redes coidados compartidos... Porque se non conseguimos quebrar o brazo dun poder político que polo momento non está coidando da xente e da vida, pode ser o único que teñamos. E porque se o conseguimos, imos precisar dun poder político construido desde abaixo e experimentar o éxito do colectivo", sentenza Herrero, que apela como punto final á súa conferencia a reverter a sensación de "tristura" que pesa na sociedade "recuperando a alegría e a forza" de involucrarse en procesos comunitarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta