Acordo institucional para que a Deputación transfira á Xunta o Pazo de Lourizán e a Escola de Cantaría

As instalacións poderán utilizarse para fins de uso xeral ou servizo público.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2022 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra subscribiron un protocolo de intencións para transferir á administración autonómica o Pazo de Lourizán e a Escola de Cantaría. A sala de xuntas do pazo provincial da Deputación acolleu este martes a firma deste acordo, cualificado como "histórico" pola presidenta provincial, Carmela Silva, e polo vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, Diego Calvo.

Tamén asistiron á firma deste protocolo de intencións o vicepresidente da Deputación de Pontevedra e impulsor do acordo, César Mosquera; o conselleiro de Medio Rural, José González; o deputado de Réxime Interior, Carlos López Font; a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; e o secretario xeral técnico de Cultura, Manuel Vila, entre outras autoridades.

Os impulsores deste acordo foron César Mosquera e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que foron quen iniciaron a negociación. No texto establécese a intención de impulsar os instrumentos xurídicos máis adecuados para levar a cabo a cesión, que inclúe os recursos persoais e materiais precisos para a actividade que desenvolven ambos os centros. As instalacións poderán utilizarse para fins de uso xeral ou servizo público.

Carmela Silva avanzou que "despois da firma se poñerá en marcha a maquinaria administrativa". "Non temos prazos, pero será breve", apuntou, antes de engadir que o compromiso "é total".

Pola súa banda, Diego Calvo sinalou que se "esforzaron" e "chegaron" a un acordo, porque o importante "era esa cesión" do Pazo de Lourizán e da Escola de Cantaría, que "son dous activos moi importantes e daráselles un impulso". O vicepresidente segundo da Xunta asegurou que "o protocolo está moi traballado e hai interese de traballar para superar calquera dificultade".

Calvo destacou que a titularidade da Leira de Lourizán lle vai permitir á Xunta traballar na recuperación dun espazo de alto valor histórico e natural. En canto á Escola de Cantaría de Poio, Diego Calvo sinalou que co traspaso da súa titularidade se impulsarán os ensinos de Formación Profesional na provincia de Pontevedra para darlles resposta ás necesidades de alumnado e empresas.

Escola de Cantaría de Poio. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Escola de Cantaría de Poio. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta