A calidade do aire en Galicia é mellor que en 2020, segundo o último informe de Meteogalicia

As emisións de vehículos diésel son o principal agravante da calidade do aire na Coruña e Vigo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2022 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

O último informe anual de Meteogalicia concluíu que a calidade do aire en Galicia é mellor que en 2020 e apunta cara a unha evolución "favorable". Así o comunicaron este martes a directora xeral de Calidade Ambiental, Sagrario Pérez, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a presentación dos resultados do documento.

O informe expón a avaliación da calidade do aire nas 49 estacións fixas de Galicia con respecto aos contaminantes lexislados pola normativa europea, española e galega en 2021. Neste sentido, Pérez resaltou que os valores límite para a protección da saúde humana e dos ecosistemas "non se superaron en ningunha das estacións" no último ano.

En relación ás conclusións presentadas, Vázquez asegurou que Galicia ten unha calidade de aire "moi boa". "Todos os valores están por baixo dos límites, presumimos de ser unha comunidade autónoma cunha moi boa calidade de aire e, por tanto, de vida; isto é para celebrar", sinalou a conselleira.

Ademais, a titular de Medio Ambiente realizou un balance dos cinco últimos anos nos que, apuntou, o 72% da poboación galega se atopa en nivel 'verde' --por baixo do limiar inferior de avaliación-- en canto á exposición a partículas.

De todos os xeitos, o agravante principal sinalado pola directora xeral de Calidade Ambiental son as emisións dos vehículos diésel. Por exemplo, tanto a área metropolitana de Vigo como a cidade da Coruña poden aparecer 'amarelas' nalgúns dos mapas do informe, en contraste co 'verde' do resto.

A pesar disto, Ángeles Vázquez destacou que eses datos "non son preocupantes", posto que se tratan de "momentos puntuais" que, aínda así, "non superan os valores límite establecidos polas lexislacións".

Por outra banda, a conselleira expresou que a administración autonómica "non se conforma" con estes datos e busca que Galicia "sexa un referente" en canto a calidade de aire e auga. Por iso, Vázquez anunciou que a Xunta investirá 1,7 millóns de euros para a mellora, mantemento e actualización da rede.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, presenta o último informe sobre calidade do aire en Galicia.. Xunta de Galicia
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, presenta o último informe sobre calidade do aire en Galicia.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta