Atención Primaria galega: unha radiografía do que está vindo para o verán de 2022

A sanidade pública en Galicia estará a medio funcionar durante o meses estivais deste 2022. Faltarán profesionais na maioría das áreas por motivos vacacionais sobre todo, mais tamén por falta de reemprazo profesional en Atención primaria. Á parte disto, o mes de xullo comezou cun tira-puxa por parte do PPdeG acusando ao Goberno central de “vender como propias” as OPE de consolidación de prazas, unha acción obrigada pola UE para acabar coa temporalidade na administración pública.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 07/07/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O considerado desmantelamento da sanidade pública galega ten un pouso ideolóxico máis marcado que noutros lugares do Estado, segundo opinión de profesionais e forzas sindicais. As accións da Xunta acabaron por restarlle valor e funcionalidade á figura do titor para os MIR en formación, isto tradúcese en cada vez menos profesionais para Atención Primaria (AP) que “emigran” a outras especialidades ou emigran fóra de Galicia. Coa falta de renovación xeneracional e a non cobertura de prazas en centros de saúde, Sanidade e sindicatos acordaron un abono anual de 12.000 euros aos profesionais que voluntariamente recollan os pacientes que corresponden a prazas de AP sen cubrir. A isto súmase o peche dalgúns centros de saúde “illados”, ou lonxe dos centros hospitalarios de referencia, sobre todo no rural. E por último súmase que os gobernos galego e vasco pediron “medidas de choque” ante a falta de profesionais na sanidade, petición á que se uniu Castilla y León. Desde sindicatos e plataformas sanitarias a postura é de “agora pídeno, agora”, en referencia aos anos de recortes que uns e outros levan denunciando, polo menos en Galicia desde 2009.

Centro de Saúde do Casco Lanuxe de Vigo. EUROPA PRESS - Arquivo
Centro de Saúde do Casco Lanuxe de Vigo. EUROPA PRESS - Arquivo

“MEDIDAS DE CHOQUE”

A Xunta e o goberno vasco asinaron un manifesto “aberto” pedindo ao Goberno central “medidas de choque” para “reforzar a Atención Primaria”. Isto fíxose público o 4 de xullo de 2022 e para o outro día sumouse ao manifesto Castilla y León.As medidas de choque houbo que aplicalas xa hai anos, cando decidiron que a Facultade de Medicina non podía formar tantos médicos”, di Javier Martínez de UGT, engadindo: “hai que ter xente para poder realizar substitucións”.

As peticións dos tres gobernos autonómicos chega cando a falta de profesionais “é xa unha emerxencia”, algo que desde a Xunta “xa sabían desde 2011 e o PP é o responsable dos recortes en sanidade e de que non se atendan figuras como os titores de formación, pois o SERGAS é dos poucos servizos que non remunera esta figura, polo tanto os MIR non desexan quedar en AP como opción profesional” declara Manuel Moreira da CIG.

“O que pedimos son orzamentos de urxencia para AP” di Manuel Martín de SOS Sanidade Pública. “A maioría dos fondos europeos van destinados a mercar equipos tecnolóxicos creados  por grandes multinacionais, por que?, pois porque a AP non é rendible”. Martín destaca que a porcentaxe de médicos  en AP para Galicia debera ser dun 25% do total de profesionais. Actualmente a porcentaxe é do 11% e a media estatal está no 15%. Desde SOS Sanidade Pública o temor é que a Xunta reproduza o modelo da Comunidad de Madrid onde “Ayuso pecha centros de saúde e PAC polas tardes”.

“Durante dez anos estivemos reclamando medidas como incrementar os MIR ou crear a especialidade de médico de Urxencias, dez anos, e acordan agora” sinala Javier González de CCOO. “Todo isto xa o sabían desde 2013 ou antes, cando crearon o Plan de Recursos Humanos en previsión das xubilacións que veñen e dentro de cinco anos teremos os mesmos problemas”. Eses problemas só teñen unha solución, a de “cubrir prazas porque faltan máis da metade dos médicos”, un punto que non se pode solucionar dun día para outro pois “son seis anos de carreira, logo formación MIR catro anos e a consecuencia vai ser que lle estoupará na cara á Administración”.

Colapso nas Urxencias do CHUS
Colapso nas Urxencias do CHUS | Fonte: Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS

PPdeG, SÁNCHEZ E A APROPACIÓN DAS OPE

O luns 4 de xullo, o viceportavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos acusaba ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de vender “como propias” as OPE de estabilización en sanidade. Pazos sinalou que as competencias en materia de sanidade están en mans das CCAA, e que cando Sánchez anunciou 67.300 prazas, o presidente do Goberno só realizou unha suma total dos postos para consolidación.

“As CCAA non quería facer OPE de estabilización e o Goberno central tampouco pode arrogarse esta convocatoria, isto foi unha orde da Unión Europea ante a elevada taxa de temporalidade na administración pública” remarca Javier González. A porcentaxe de temporalidade en España na función pública era do 35%, habendo casos como Euskadi onde chegou a algo máis do 50%, apunta González.

Reducir temporalidade era condición “sine qua non” para recibir fondos europeos. Houbo negociacións Goberno, UGT, CCOO e CSIF, que asinaron un decreto lei para abordar esta cuestión. O decreto debía pasar polo Congreso e Senado para a súa aprobación e “aí foi cando cada grupo introduciu modificacións para aprobar dito decreto” di González quen tamén asegura que o Real Decreto 20/2021 “ten inseguridades lexislativas”.

Ante as afirmacións do PPdeG, Javier Martínez lembra que “iso estao dicindo quen inventou as taxas de reposición, que no caso dos médicos podía ser do 10% por ser un sector esencial”. Coa taxa do 10% “non se poden cubrir todas as prazas que quedan vacantes ou sen estabilizar”. A orixe da taxa “foron os recortes en sanidade, en saúde e en benestar, por que non recortaron noutras áreas?”.

“As CCAA puideron ter realizado as convocatorias hai moito tempo, agora co Real Decreto 20/2021 o que se fai é aplicar medidas urxentes e excepcionais para consolidar prazas estruturais ocupadas por temporais” apunta Manuel Moreira. A aplicación do real decreto sinala que non pode engadir máis gasto orzamentario, é dicir, as 67.300 prazas anunciadas polo Goberno son para consolidar emprego e non novas prazas. “Isto é algo que non se lle explica á xente” sinalan as fontes sindicais.

12.000 EUROS

Ante a emerxencia pola falta de médicos, o SERGAS propuxo a mediados de xuño ofrecer 10.000 euros máis por ano aos médicos que prolongasen a súa xornada para atender pacientes que correspondían a outros compañeiros e compañeiras. As negociacións entre SERGAS e sindicatos deixaron a cifra en 12.000 euros por ano.

A asunción de máis tarxetas ou a prolongación da xornada “é voluntario, aínda que se non se fai non se ten dereito a un día libre, a Xerencia pode pedir dobrar xornada un día por semana, mais ese día o profesional a cargo terá as súas tarxetas máis as 300 do profesional que falta” di Javier González.

“Remunerar máis horario é xusto, o que sería bo é saber se isto soluciona o problema en AP” di Manuel Martín. “Isto é unha medida para calmar os ánimos entre os médicos, mais aumentar a remuneración e non o número de profesionais non vai resolver as esperas longas ou as atencións por debaixo dos 10 minutos”. Manuel Moreira analiza a situación desde a perspectiva de que “se debe garantir a asistencia sanitaria”, en tal caso, os 12.000 euros por ano “non solucionan o problema, isto só se soluciona con máis profesionais”.

A raíz dos problemas asistenciais dentro da sanidade pública, os sindicatos tamén comentan a frustración dos pacientes ante as longas esperas e a medicalización da AP. Todo pasa polo médico, cando pode haber outros profesionais (psicólogos, enfermaría, fisioterapeutas) que poden asumir parte da carga de traballo. Outra consecuencia apuntada tamén é a “emigración” dos MIR a outras especialidades que non sexa AP ou, se o ven necesario, emigrar fóra de Galicia.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comparece no pleno do Parlamento de Galicia.. CONCHI PAZ
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comparece no pleno do Parlamento de Galicia.. CONCHI PAZ | Fonte: XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta