"Sostible é a palabra de moda, pero non se aposta en serio polo turismo rural e de calidade"

O presidente da Asociación de Turismo Sostible de Galicia pide que se paralicen todas as licenzas para vivendas de uso turístico ata que haxa unha regulación coa que se compita "en igualdade de condicións".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Asociación de Turismo Sostible, composta principalmente por propietarios e propietarias de casas rurais de Ferrolterra e outros puntos de Galicia, vén de facer o seu primeiro ano de actividade pola defensa e valoración do sector do turismo rural. Unha das principais preocupacións da entidade é a proliferación de Vivendas de Uso Turístico (VIT) nas zonas rurais, que, segundo explica, xera unha competencia en condicións desiguais e bota por terra o traballo das casas rurais pola sostibilidade en sentido amplo: ambiental, económica e social. Falamos co presidente da asociación e propietario da Casa do Morcego, en Vilarrube (Valdoviño), José Picallo.

A Casa do Morcego, turismo rural sostible en Valdoviño
A Casa do Morcego, turismo rural sostible en Valdoviño | Fonte: remitida

Como se está vivindo este verán no turismo rural?

Estamos funcionando ben, coma outro verán máis. No verán sempre hai movemento de turistas na zona, e nós somos un aloxamento pequeno de cinco habitacións, polo que encher é fácil. En Galicia, ademais, é coñecido o turismo rural pola súa calidade, cantidade e traxectoria...

A pandemia deulle pulo a este tipo de turismo?

Antes da Covid, a clientela deste tipo de aloxamentos xa existía e era numerosa, pero a raíz da pandemia xurdiu a idea de que había que estar máis illados, e o que pasou é que proliferaron unha serie de aloxamentos que son as vivendas de uso turístico e que están escasamente reguladas. Ao noso parecer, van en contra da calidade e sostibilidade do turismo. 

Estanse reconvertendo casas do rural en vivendas de uso turístico?

Lamentablemente si. É unha mágoa que isto suceda. Nós cremos que o problema é que están escasamente reguladas, a normativa é moi laxa. Moita xente opta por ofertar vivendas de uso turística porque é menos complicado que abrir un negocio dunha casa rural, que como actividade económica, temos que cumprir unha serie de normas fiscais, laborais e sanitarias. Todos temos unha regulamentación ampla e que é boa para exercer un control sobre a calidade e para ser sostibles. Pero estas vivendas de uso turístico réxense por unha normativa moitísimo máis lixeira, e iso dana a competitividade. Ás administracións fóiselles das mans e téñenlles que poñer freo. Nós, de maneira urxente, solicitamos que se paralicen todas as licenzas para este tipo de aloxamentos ata que haxa unha regulación.

Que diferenza unha casa de turismo rural dunha vivenda de uso turístico?

Unha casa dunha vivenda de uso turístico no medio do rural non é unha casa rural. Son dous conceptos de turismo diferentes. O noso é cercano, con produtos da zona de primeira calidade, con contacto directo co propietario. Nunha vivenda de uso turístico déixanche a chave, no mellor dos casos debaixo dunha pedra, ti entras, e punto. Non hai control sanitario nin de facenda, non pagan autónomos, non contribúen á Seguridade Social... Non sei como o Goberno estatal e galego miran para outro lado. Mal podemos competir no sector en igualdade de condicións nesta situación. As vivendas de uso turístico proliferaron un 2400% ata as 14.000, mentres se deron de baixa catro ou cinco casas rurais. Isto son datos de maio. Agora será peor. Nós non pedimos que desaparezan nin queremos un enfrontamento. Só que regulen. Estas vivendas non ofrecen sostibilidade no sentido máis amplo da palabra. 

Que significa para vós a sostibilidade do turismo? Como se consegue?

A nosa filosofía pasa por abarcar todo o que é a sostibilidade, que non é só medioambiental, senón tamén social e económica, isto é, non estropear o sistema para que as xeracións que veñan detrás poidan vivir no rural deste tipo de negocios, e soster todos os servizos que existen para que a xente poida vivir aquí despois de retirarse da vida laboral. A cuestión ambiental é só unha parte pequena de todo o que abarca a palabra. Como se consegue? Nós procuramos respectar o noso planeta, utilizamos enerxías renovables, produtos de calidade e de quilómetro cero. Iso é sostibilidade ambiental que á vez nos fai sostibles economicamente. Intentamos concienciar a clientela para que valore o noso traballo e o valor deste concepto no seu conxunto. 

A Xunta de Galicia publicita que o turismo galego é "sostible".

É a palabra de moda. Antes era desestacionalizar, e aí quedou aparcada porque detrás non hai nada. Para desestacionalizar, ou prolongar unha tempada, mellor dito, hai que facer serie de accións ao redor por parte dos concellos e da administracións para atraer xente. Se na miña zona pechan restaurantes en setembro, como vai vir a xente se non ten onde cear? Hai que promocionar en serio o Camiño de San Andrés a través da mancomuindade. Todos temos que colaborar. Sentar e facelo en serio. 

Agora a palabra de moda é a sostibilidade... Dáme medo que dentro de dous ou tres anos quede no esquecemento, que a súa esencia se abandone. Quen ten que apostar forte por isto son as administracións. Remar uns para un lado e os outros para outro non conduce a nada. Cústanos saír adiante moito esforzo porque non hai un apoio constante a isto.

Ademais da regulación de vivendas de uso turístico, que outras demandas facedes á administración?

Que sexa realista nas súas campañas publicitarias. A caseta de Galicia en FITUR (Feira Internacional do Turismo) é a mellor con diferenza... Pero xérame dúbidas e penso que lle fai un fraco favor ao turismo. Presenta paisaxes idílicas, sendas súper coidadas, e a realidade contrasta con todo iso. É pan para hoxe e fame para mañá. Calquera persoa que veña non vai nin volver nin recomendar a ninguén que veña. Creo que a administración debe ser o máis realista posible e apostar en serio polo turismo de calidade e rural, que involucre os concellos e o sector privado para comezar a andar nun camiño co mesmo fin. . que aposte camiño, involucre concellos e sector privado e entón todos comezaremos a andar nun camiño co mesmo fin.

Cales son os retos que ten Galicia por diante en materia turística?

Apostar pola sostibilidade en sentido amplo e ter medios para controlar calidade dos servizos. Hai que contar coa iniciativa privada e deixarse asesorar por alguén que saiba da materia. De nada serve presumir nos medios ou na foto se logo non se fai algo para a mellora do turismo.

Que temos da nosa man, particularmente cada persoa, para facer un turismo sostible? 

Creo que esta situación da covid acelerou en certos sectores da economía unha adaptación, como por exemplo co teletraballo, pero non vexo tanta progresión e tanta conciencia no ámbito do turismo. Si melloramos pero non demos pasos de xigante coma noutras esferas da sociedade. Eu creo que a clave para facer un turismo sostible está na concienciación, e isto vai tardar en mudar. A labor ten que empezar dende abaixo, nos colexios, onde se ensine un respecto cara ao propio. Podes empezar a educar a xente de 50 anos, e poderá variar algo, pero non vas conseguir crear unha conciencia ecolóxica. Hai que potenciar a agricultura ecolóxica no sector primario, poñer en marcha métodos de consumo de alimentos naturais, e aprenderlle á rapazada a producir a terra que é a que nos dá de comer, a que non se tiren plásticos no mar ou boten pesticidas nas colleitas. Hai que empezar dende a base e educar no respecto ao noso planeta e entorno. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Por non falar dos propietarios de Casas de Turismo Rural (de hai 20 anos) que chuparon as subvencións a fondo perdido do 80%, pagaron unhas licenzas de Hostelería durante algúns anos e pecharon para quedarse coa propiedade restaurada ao pasaro 10 anos ! Nas Rías Baixas sabemos como as gastaron algúns que tiñan diñeiro para investir e aproveitaron a ocasión para restaurar patrimonio pola cara... O concepto de turismo sostible, non ten nada que ver con aturar as neuras dalgúns propietarios que ás veces pensan que un tomate da horta é un tesouro digno de adoración ! Habería moito que falar do tema !