Allariz

Se alguén percorre as estradas inglesas e francesas como forma de acadar unha desexábel desconexión estival terá serios problemas para facer efectivo semellante obxectivo.Porque se mantén os ollos abertos e posúe unha mínima sensibilidade valorativa non poderá deixar de percibir as diferenzas abismais entre a ordenación urbanística dominante neses países e na Galiza actual.

Por Xesús Veiga | Compostela | 28/08/2014

Comparte esta noticia
Os contrastes resultarán aínda mais agudos se observa a coidada estética dos lugares e das vilas que aparecen nos traxectos viaxeiros mais utilizados.Daquela, o lecer mesturase, case inevitabelmente, coa melancolía sobre o tempo perdido na ordenación territorial do noso Pais.
 
Os anos transcorridos na vida das corporacións municipais democráticas constitúen un período suficiente para establecer conclusións fundadas a respeito do comportamento destas institucións e dos votantes que configuraron as equipas de goberno.É certo que o franquismo non foi só un réxime político antidemocrático:ergueu, asemade, un sistema de corrupción estrutural e permanente que hipotecou calquera práctica de xestión das administracións locais e da propia relación da sociedade con eses organismos.Pero tamén é verdade que, a partir de 1979, a grande maioría da elite política instalada na vida municipal non foi quen de apostar pola revalorización do patrimonio colectivo que se practicaba nas sociedades europeas veciñas.Nin sequera soubo copiar o que xa se podía ver nas viaxes institucionais ou nas visitas turísticas privadas.
 
A nosa historia recente ofrece paradoxos dignos de ser destacados.Allariz lembrou, hai poucos días, o conxunto de transformacións operadas dende 1989 e podería presumir de ser, na súa dimensión poboacional, a vila mais parecida ás que se poden atopar na Franza ou en Inglaterra.O que naqueles países representou un proceso relativamente normal, aquí foi –e segue sendo- un exemplo singular, pouco imitado aínda que teña sido unanimemente loubado.E ademais, promovido por xestores públicos pertencentes a unha corrente política acusada de antieuropeísta por quen identificaban abusivamente a lexítima discrepancia coas características do modelo económico e social dominante na UE co suposto cuestionamento de todos os valores asociados ás tradicións políticas e culturais europeas.Os que outorgan credenciais de europeísmo auténtico deberían saber que se, nesta materia, a UE tivese esixido unhas condicións análogas ás fixadas no Tratado de Maastricht para determinadas variábeis macroeconómicas, Galiza, e tamén o Estado español, aínda estarían petando nas portas do club residenciado en  Bruselas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.