O PPdeG indulta a Baltar

Dende hai anos, a familia Baltar é ben coñecida na política galega. Quen necesite mais información pode atopala no recente e interesante libro publicado por Cristina Huete e Primitivo Carbajo ("Os Baltar. A senda do caciquismo na democracia plena").

Por Xesús Veiga | Compostela | 25/02/2025

Comparte esta noticia
Hai poucos días, Xosé Manuel Baltar regresou á primeira liña mediática por mor da sentenza ditada polo Tribunal Supremo na que se establece que cometeu un delito contra a seguridade viaria por transitar a mais de 200 km/h nun tramo  no que non debería superar os 120 km/h. Convén lembrar dúas circunstancias relevantes: conducía persoalmente un vehículo oficial fora da axenda de actos correspondentes ao seu cargo e utilizou todas as trécolas procesais posíbeis para demorar a decisión definitiva sobre a denuncia existente dado que estaba acusado da comisión dun delito.
 
Despois da decisión do TS, a efectos xurídicos, o ex-presidente da Deputación de Ourense xa pode ser catalogado coma delincuente. Esta circunstancia remítenos, mais unha vez, á coñecida dualidade entre as responsabilidades xudiciais e as políticas. Na última colaboración nesta mesma páxina ("Politizar a xustiza e xudicializar a política") tiven ocasión de aludir aos comportamentos dalgúns dirixentes políticos nesta materia. Poren, non podía calcular que ía ter lugar un exemplo tan rápido e pedagóxico sobre este asunto.
 
Xosé Manuel Baltar é uha das tres persoas designadas polo Parlamento galego para ocupar un escano no Senado. Foi proposto polo PP, sabendo que estaba involucrado nun procedemento xudicial debido á denuncia formulada pola Garda Civil de Tráfico. Agora,coñecida a sentenza condenatoria, o máximo dirixente do PPdG -Alfonso Rueda- anuncia que non considera necesaria a dimisión do senador e, polo tanto, non vai esixir a súa renuncia. A gravidade desta decisión admite poucas dúbidas: o mantemento de Baltar na Cámara Alta compromete seriamente a propia reputación democrática do Parlamento galego por canto o político afectado está representando ao poder lexislativo galego. O PP podería substituílo inmediatamente sen atrancos legais nin reproches das forzas da oposición. Remedando a famosa expresión de Feijoo, se non o fai é porque non quere. Prefire realizar un acto de prepotencia coa súa maioría aritmética antes que aceitar unha mínima dose de rexeneración democrática na vida dunha institución tan relevante como é o Parlamento de Galiza.
 
Escoitaremos agora invocar o "escándalo moral" que predican os voceiros da rúa Génova cando se refiren ás actuacións contra o fiscal xeral e a parella de Pedro Sánchez? Aceitará o partido de Rueda  que a Cámara do Hórreo reprobe a conduta do senador? Polo que temos visto até agora, non é realista agardar un comportamento semellante. Os escrúpulos éticos nunca guiaron a folla de ruta da familia Baltar e dos seus valedores no PPdG. Revive na memoria aquela coñecida frase de Franklin Delano Roosevelt referida ao vello ditador nicaraguano Anastasio Somoza: "É un fillo de puta pero é o noso fillo de puta".

José Manuel Baltar.
José Manuel Baltar. | Fonte: Agostime - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.