Denuncian o adiamento de operacións de prioridade 1 no CHUS: "Toman á lixeira as nosas vidas"

A Asociación de Pacientes remite o caso dunha muller á que pospuxeron a súa intervención dun cancro de páncreas logo de entrar no quirófano, e xa sedada, por falta de sangue.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2022 | Actualizada ás 20:07

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia o adiamento da operación dunha paciente oncolóxica de 35 anos e prioridade 1 pola escaseza de reservas no banco de sangue. Segundo sinala a asociación, L.L.P. foi diagnosticada de cancro de páncreas e tratada con quimioterapia desde o mes de febreiro de 2022 no CHUS para reducir o tumor e facilitar a súa extirpación. Hai un mes que rematou estas sesións e, dende ese momento, está á espera da data para a cirurxía. O último tratamento, engade a asociación, pospúxose porque as defensas estaban baixas e non conviña correr riscos pola proximidade da ciruxía.

Imaxe do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo
Imaxe do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo

Finalmente, esta persoa ingresa o 17 de xullo na Unidade de Trasplante Adbominal para ser intervida o luns, 18 de xullo. Como preparación previa, estivo un día inxerindo unicamente líquidos e sendo tratada con laxantes. O luns 18 entrou no quirófano e, cando xa estaba sedada, a anestesista comunícalle á familia que a intervención non se pode levar a cabo pola falta de sangue, e reprográmase para o martes 26. "Non está asegurado que as demoras non estean afectado ao curso da enfermidade, xa que leva un tempo sen ser tratada con quimio e iso aumenta o risco de metástase", indica a asociación. Nese caso, a cirurxía xa non sería viable. 

"A situación é realmente dramática, por non mencionar o sufrimento psicolóxico da paciente e a familia ante a tensa espera e o tratamento do caso", sinala a entidade, que indica que esta realidade é "unha constante nestas datas". "Desde a Asociación de Pacientes queremos chamar a atención da cidadanía ante a gravidade do que está ocorrendo. Unha vez máis, o aforro de recursos e a mala organización está prexudicando de forma moi importante os pacientes que precisan atención durante este tempo", denuncia. 

A asociación pon enriba da mesa a "falta de previsión" e a "desorganización evidente", que incrementan aínda máis a sensación de vulnerabilidade e malestar. "Como pode ser que haxa dificultades para atopar data para unha paciente de prioridade 1? Como pode ser que se inicie unha intervención sen que se comprobe previamente a dispoñibilidade de todos os elementos necesarios para levala a cabo? Como se xoga sen escrúpulos co sufrimento psicolóxico dos doentes e das familias?", pregúntanse nun comunicado. 

O dano producido a paciente constitúe, segundo recolle a asociación, un "incumprimento flagrante" do artigo 6.1. da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia que recoñece o dereito das persoas á integridade física e psíquica na súa relación co sistema público de saúde. "Someter unha paciente e os seus familiares a un proceso de atención traumático pola

súa transcendencia que deberá ser repetido nas próximas datas constítue non só un maior custe na atención, senón sobre todo unha vulneración de dereitos con amplo amparo legal", indican.

"Non só están prexudicando o noso benestar, están tomando á lixeira as nosas vidas. Como cidadáns, temos dereito a unha atención de calidade nos prazos adecuados tendo en conta a nosa doenza e a que se poñan á nosa disposición os recursos precisos, humanos e materiais, para que poida ser realidade", sentenza a asociación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Conchi

Sólo hay dinero a montones para el covid,un negocio,una sinvergüenceria. Las vidas de las personas no valen nada,no sé cuándo la gente despertará y exigirá sus derechos