Por Galicia Confidencial | O Courel | 21/07/2022 | Actualizada ás 20:25
Os operativas contra incendios da Xunta levan desde o pasado mércores centrados en que o lume non entre na emblemática Devesa da Rogueira, un das paisaxes ecolóxicas máis ricas e máis importantes de Galicia. Tal é o seu enconamento que a veciñanza e voluntarios critican que se desatenderon outras frontes.
"No canto de ter a brigadistas e medios sen facer nada ao carón da devesa actuaran noutros puntos, o lume nunca chegaría as portas da Rogueira", critica un voluntario que leva días loitando canda outros compañeiros e compañeiras para evitar unha das maiores catástrofes ecolóxicas que viviu Galicia.
De feito, durante o mércores o lume estivo a piques de entrar na Devesa da Rogueira pola zona máis alta logo de queimar Pía Páxaro e a campa e lagoa de Lucenza. A veciñanza denuncia que non houbo medios na zona durante máis de 15 horas, "nin tan sequera unha motobomba". "Se estivera aquí unha brigada, non habería temor ningún", din.
A Xunta mandou un equipo heliotransportado na tarde do mércores para tentar evitar que o lume entrara pola Devesa. Tamén mandou medios e bulldozers que traballaron concienzudamente para realizar grandes cortalumes ao carón da Rogueira. Finalmente, os medios e esforzos empregados serviron, polo momento, para conter as lapas nese punto.
Con todo, deixaronse desprotexidos outros flancos, como os do Val da Seara e Ferreirós. De feito, nesas zonas activaronse distintos frontes, pequenos lumes avivados polo vento. Esta mesma tarde un deses focos volveu prender na Seara. Faltan medios e faltan xentes para conter a vaga de incendios. Tamén coordinación.
"A Rogueira non arderá. Está ali todo o operativo, saben que se ardera terían que dimitir todos, ata Feijoo. Tiveron que queimar cun contralume o piñeiral que estaba raiando coa Rogueira, piñeiral que levamos denunciando dende antes de plantalo", escribía o activista do Courel Orlando Álvarez no seu Faceboo, Tamén o escritor Sechu Sende escribía un artigo no Galicia Confidencial na mesma liña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.