A Xunta premiará con 12.000 euros os médicos que asuman 300 pacientes máis na consulta

Alfonso Rueda anuncia un paquete de medidas retributivas na Atención Primaria.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2022 | Actualizada ás 22:50

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este mércores a aprobación no Consello dun paquete de medidas retributivas na Atención Primaria que se integran no Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria, despois de ser acordadas previamente e avaladas pola unanimidade das organizacións sindicais -CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT- que integran a Mesa Sectorial de Sanidade.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras o Consello da Xunta a 14 de abril de 2022. XUNTA DE GALICIA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras o Consello da Xunta a 14 de abril de 2022. XUNTA DE GALICIA | Fonte: DAVID CABEZÓN

As medidas aprobadas, segundo a Xunta, "melloran as contías vixentes, así como tamén se toman novas medidas de organización e xestión no ámbito da Atención Primaria". Con todo, a Xunta volveu deixar a responsabilidade sobre a situación sanitaria no Executivo central, ao que, di Rueda, trasladará demandas durante a súa reunión deste xoves co presidente do Goberno, Pedro Sánchez. 

Entre as novidades deste paquete de medidas, a Xunta anuncia a "nova posibilidade que se habilita de acumulación de cartillas dunha praza vacante de médico", de maneira que en caso de vacante do persoal habitual, "o paciente poderá ser atendido de forma estable por outro médico de referencia ata que se produza a cobertura definitiva da praza", indica a Xunta. "Permitirase a acumulación dun máximo de 300 cartillas, cunha prestación adicional de xornada de 4 horas e media á semana e unha retribución anual de 12.000 euros ano ou parte proporcional", explica.

No que alcanza aos incrementos, a Xunta informa do "incremento nun 10% do prezo da prolongación de xornada común" que realiza o persoal médico de familia, pediatras de atención primaria e persoal de enfermaría.

Respecto ao incremento do prezo da intersubstitución, nas categorías de médico de familia, pediatra de atención primaria, odontólogo, fisioterapeuta e persoal de enfermaría, aumentarase nun 25% máis as contías do complemento. Nos postos de difícil cobertura establecerase un incremento dun 50% nas contías vixentes. Ademais, incrementaranse os centros actuais declarados como de illamento ata conseguir 80, informa a Xunta.

Así mesmo, a Xunta de Galicia anuncia un "incremento do valor hora de xornada complementaria en PAC a partir da prestación de 160 horas/mes" para o persoal médico e de enfermaría dos PACs un incremento do valor hora de xornada complementaria en PAC a partir da prestación de 160 horas/mes. Nesta mesma liña, aumentarase o valor hora do persoal médico de familia de atención común que realice gardas en PAC a partir de 550 horas anuais cun 20% adicional do valor actual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta