O PPdeG bloquea a comparecencia sobre a situación dos lumes ata outubro

Pretende que o conselleiro do Medior Rural comparezca na Cámara galega cando pase a época de alto risco de incendios, oficialmente ata o 30 de setembro, ampliable a outubro.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/07/2022 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

O PPdeG rexeitou a solicitude do BNG para que compareza o conselleiro de Medio Rural, José González, ata que pase a época de alto risco de incendios --oficialmente ata o 30 de setembro, ampliable a outubro--, alegando que agora a "prioridade" é a extinción dos lumes forestais.

Deputación Permanente do Parlamento de Galicia
Deputación Permanente do Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press.

Así, a vicepresidenta da Cámara e portavoz no debate, Elena Candia, defendeu que o titular do departamento comparecerá máis adiante: "Todos os medios teñen que ocuparse do urxente e o importante".

Ademais, a deputada do PP referiuse ás axudas anunciadas pola Xunta para a rehabilitación das vivendas e, como fixo o propio titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, pediu a colaboración das administracións locais para que se tramiten con axilidade. Tamén manifestou a necesidade de alcanzar un "pacto autonómico" contra os incendios forestais.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, foi a encargada de expor a solicitude formulada na Deputación Permanente --o órgano que substitúe ao pleno en períodos non hábiles-- e, en contraposición á negativa, defendeu que o conselleiro de Medio Rural ten a "responsabilidade de render contas" ante o Parlamento de Galicia, máis aló de que estea "ben" que vaia visitar concellos.

Pontón advertiu do "desastre" económico, social, ambiental e sentimental que supuxeron os incendios aínda sen apagar completamente na zona do Courel e Valdeorras. "O Parlamento non pode estar de vacacións mentres Galicia arde", salientou Pontón.

O PSdeG, pola súa banda, deu o voto a prol da comparecencia do titular de Medio Rural. A través da súa deputada Carmen Rodríguez Dacosta expresouse en termos similares respecto da situación ambiental e preguntouse "onde" estaba a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a quen tamén pediu explicacións polo "desastre" ambiental, especialmente no parque natural do Invernadoiro, titularidade da Xunta desde 1974.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta