Rueda sae "esperanzado" da cita con Sánchez e con "boas perspectivas" para Altri e Stellantis

O presidente da Xunta constatou que o Goberno accede a crear unha mesa de seguimento para que Galicia poida ter "información concreta" sobre a chegada dos trens Avril.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2022 | Actualizada ás 16:46

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, abandonou a reunión co xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, "esperanzado", tendo en conta que constatou o "bo coñecemento dos temas" de Galicia que puxo sobre a mesa por parte do mandatario estatal, e con "boas perspectivas" para os proxectos e o futuro de Altri e Stellantis en Galicia.

Tras unha reunión de algo máis de hora e media, Rueda reivindicou a "axilidade" e profundar "na cogobernanza" na xestión dos fondos Next Generation, e celebrou poder saír con "algunha certeza" en relación, por exemplo, ao proxecto de planta de fibras téxtiles prevista por Altri para Palas de Rei, que supón 700 millóns de investimento e a creación de 700 millóns.

O presidente galego destacou que este proxecto está "moi maduro" e constatou que Sánchez lle transmitiu "boas perspectivas", antes de subliñar que hai "unha probabilidade moi alta de que sexa financiado". "Estaremos vixiantes para que se concrete, pero a impresión que me deu fainos ser optimistas e transmitir tamén esta mensaxe de tranquilidade aos promotores", sinalou.

Ao tempo, tras volver censurar que o proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) centrado no desenvolvemento do vehículo eléctrico e conectado deixase fóra as demandas de Stellantis e subliñar a necesidade dunha "vía de financiamento adicional", deu a entender que tamén arrincou un compromiso do seu homólogo estatal e que este asunto "está canalizado".

Á marxe das "boas impresións" para Altri e Stellantis, que espera que "se concreten", Rueda constatou que o Goberno accede a crear unha mesa de seguimento para que Galicia poida ter "información concreta" sobre a chegada dos trens Avril que permitirán "estender o AVE" ás cidades da Coruña, Santiago, Vigo e Pontevedra, tras o "compromiso incumprido" de xuño.

E tamén explicou que pediu unha mesa de seguimento sobre a evolución das obras de reparación no viaduto da A-6, clave para o acceso a Galicia. Sobre outras infraestruturas con "execución lentísima", como a Autovía Lugo-Santiago, a saída sur de Vigo ou a circunvalación de Pontevedra, o presidente estatal tamén se comprometeu, segundo Rueda, a proporcionar á Xunta "documentación e previsións" máis concretas.

Ademais, no encontro, Rueda aproveitou para expor outras demandas xa avanzadas, como a necesidade dun MIR extraordinario dun milleiro de prazas que permita mellorar a situación da sanidade, co foco nos problemas da Atención Primaria, ou que se dea "trato preferente" á creación dunha especialidade de urxencias. "O Goberno debe solucionar isto canto antes", insistiu.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez (i), recibe ao presidente do Goberno de Galicia, Alfonso Rueda (d), no Palacio da Moncloa.. Eduardo Parra - Europa Press
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez (i), recibe ao presidente do Goberno de Galicia, Alfonso Rueda (d), no Palacio da Moncloa.. Eduardo Parra - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta