A Xunta aposta polo persoal farmacéutico para "axilizar" a renovación das receitas de pacientes crónicos

Será o persoal administrativo o que se encargue de xestionar, cando o paciente así o demande, a cita con este servizo central de farmacia de atención primaria.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2022 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou este xoves o novo persoal farmacéutico que prestará apoio desde A Estrada, na Central do 061, aos centros de saúde que máis o necesiten para axilizar a renovación das receitas dos pacientes crónicos. Segundo explican nun comunicado, este mércores empezaron a traballar tres e a próxima semana serán cinco.

Na súa visita, na que estivo acompañado pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo, así como pola directora do 061, Adriana Regueira, o conselleiro destacou que os orzamentos da Xunta deste ano recollen a creación de 28 novas prazas de persoal farmacéutico de atención primaria, "profesionais que se foron contratando polas áreas sanitarias ao longo dos últimos meses e que, desde maio, xa traballan nos centros de saúde".

Concretamente, indicou, pasaron de 72 a ser 100 os farmacéuticos de primaria contratados. Con este incremento, apuntan, "garántese a adecuada continuidade do tratamento farmacolóxico e, ademais, posibilita liberar o persoal médico desta tarefa".

Segundo explican, con estas incorporacións, a poboación con tratamentos crónicos que non dispoña de ocos de receita co seu médico nos próximos días e necesite renovar o seu tratamento, pode xa solicitar directamente esa consulta de receitas co farmacéutico do seu servizo de atención primaria.

Máis aló do sistema xeral para toda Galicia, a Xunta habilita este segundo recurso na Central do 061 na Estrada para "garantir de forma áxil" a renovación de tratamentos crónicos daqueles centros que non poidan resolver en menos de catro días, "nin co persoal médico nin co farmacéutico". "Será o persoal administrativo destes centros o que se encargue de xestionar, cando o paciente así o demande, a cita con este servizo central de farmacia de atención primaria.

Consulta nun centro de atención primaria do Sergas
Consulta nun centro de atención primaria do Sergas | Fonte: Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta