Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/09/2014 | Actualizada ás 10:00
Os Bolechas, a serie infantil en galego máis exitosa da nosa televisión dará o salto a Asturias. A Televisión del Principado de Asturias (TPA) emitirá este programa en lingua asturiana. Vacaloria Producións está a traballar na dobraxe do programa e a dirección do ente público de comunicación de Asturias anunciará en datas próximas a súa emisión.
Os Bolechas serán a primeira programación infantil logo de anos de ausencia na grella da TPA. E, o feito de que sexa en asturiano, destaca o interese deste ente público por afianzar esta lingua entre os máis novos. Ademais é unha vella demanda do movemento de defensa da lingua asturiana, qu entende básico para a transmisión xeracional do idioma a existencia na canle pública deste tipo de produtos destinados aos máis pequenos.
Creada no 2000 por Pepe Carreiro como unha serie para libros, con máis de 400 títulos difundidos e 1.500.000 de exemplares vendidos até agora, Os Bolechas deron o salto á pantalla en febreiro do 2012 da man de TVG2 cun especial sobre O Entroido.
O seu éxito foi aumentando e, hoxe, Os Bolechas son xa un fenómeno comercial, xa que ademais de libros e series televisivas, ten discos, un álbum de cromos ou un espectáculo que percorre toda Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.