Crédito para quen?

O BCE acada de baixar o tipos de xuros aos que presta diñeiro ao nivel máis baixo da súa historia, un 0,05 %. Ao mesmo tempo anuncia unha serie de medida para insuflar liquidez á economía e facilitar tamén a concesión de crédito na Eurozona.

Por Manuel González L. | Compostela | 07/09/2014

Comparte esta noticia
A pregunta que cabe facerse é se todas estas medidas son suficientes para evitar o estancamento da economía europea, e en particular as do Sul de Europa, sen dúbida as máis castigadas pola crise que comezou en 2008. Nas declaracións do propio Draghi atopamos a resposta ao insistir o presidente do BCE na necesidade de estímulos fiscais que complementen as medidas de política monetaria. Unha petición que xa formulara meses atrás e que por primeira vez poñía parcialmente en cuestión as políticas de austeridade. Con esta petición Draghi está recollendo as leccións de Keynes cando indicaba que, nun contexto de quebra acusada da confianza dos axentes económicos, as políticas monetarias poden resultar inservíbeis para a recuperación económica.
 
Esa quebra de confianza maniféstase nos países do Sul no fortísimo endebedamento acumulado durante a época de frenesí, que agora fogares e empresas tratan de corrixir incrementando o aforro e por tanto limitando gasto e investimento. Confianza que tamén está resentida nos países do norte por mor do retroceso da demanda externa, que veu actuando como motor desas economías, produto dun contexto internacional máis incerto. Ademais, temos a evidencia de que as medidas de estímulo monetario que leva aplicadas o BCE nos últimos meses tiveron un efecto bastante cativo até o momento.
 
Gobernos e medios de comunicación insisten en culpar aos bancos de non prestar diñeiro, mais quizais deberían comezar a preguntarse se en realidade hai a quen prestarlle, particularmente nos países da periferia, nun contexto de forte desapalancamento como o sinalado. Sendo isto así, compre actuar canto antes con medidas de impulso fiscal, tanto pola vía do gasto como dos impostos  e tanto a nivel de cada país, alí onde exista marxe para facelo, como colectivamente con medidas a nivel Europeo, para impulsar investimentos nas economías periféricas máis danadas pola crise e sen demasiado marxe fiscal. É iso, e non os cantos grandilocuentes de certos dirixentes diante de meras tendencias estacionais, o que pode evitar que Europa caia nunha nova recesión ou mesmo en algo máis grave.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel González López Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.