Hai propietarios de terreos queimando espazos protexidos da Rede Natura?

Investigadores da USC certifican que as hectáreas queimadas aumentaron nas Zonas Especiais de Conservación (ZEC) tras a súa declaración e suxiren que detrás deses lumes poden estar propietarios contrarios á Rede Natura. O científico Adrián Regos pide mudar as políticas antiincendios.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/08/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O estudo pode ser polémico, pero os datos falan por si sós. Os espazos protexidos como Zonas Especiais de Conservación (ZEC) da Rede Natura en Galicia arderon máis desde que adquiriron ese status. Así o evidencia un traballo realizado polo grupo de investigación PROePLA GI-1716, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no que se demostra que, “tras a declaración de protección, se produciu un incremento estatisticamente significativo da superficie queimada por lume nestas zonas, principalmente en terreos particulares”. Isto apuntaría a unha intencionalidade por parte dalgúns propietarios de terreos como presuntos responsables de incendios. Cando menos é a hipótese que se baralla para explicar este aumento de lumes nas ZEC, onde se demostrou que “a declaración de protección non supuxo ningún beneficio para o réxime de incendios”, afirman os investigadores.

Cartel de entrada a Folgoso do Courel afectado polos incendios
Cartel de entrada a Folgoso do Courel afectado polos incendios | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Gervasio López Rodríguez, Verónica Rodríguez Vicente e Manuel Francisco Marey Pérez asinan este traballo de investigación que abrangue o período 1999-2014. Como explican, desde a adopción da Directiva 92/43 do Consello da Unión Europea sobre conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, en Galicia “xurdiu certa oposición entre os propietarios e xestores dos terreos afectados pola directiva”. De feito, lembran que xa algúns estudos previos ao seu indicaron que “parte desta oposición atopou expresión en incendios provocados nestas zonas” tras ser declaradas ZEC. Con estes antecedentes, decidiron analizar a ocorrencia de incendios intencionados nas ZEC da Rede Natura 2000 en Galicia e nos montes veciñais en man común.

“Comprobamos se a declaración de ZEC tivo un impacto estatístico sobre o réxime de incendios forestais no período 1999-2014. As análises centráronse nos subperíodos 1999-2004 e 2005-2014, é dicir, antes e despois da aprobación da lista de lugares de importancia comunitaria”, detallan.

"Un aumento do número de incendios forestais que se producen nas ZEC ou un aumento da superficie queimada poderían indicar un rexeitamento á Rede Natura 2000”

Para a investigación utilizáronse catro unidades territoriais diferentes: MVMC, ZEC, áreas de intersección entre MVMC e ZEC (MVMC-SAC) e áreas de MVMC que non se cruzan con ZEC (MVMC sen ZEC). E utilizáronse dúas medidas complementarias: a taxa de lumes (números de incendios/100 hectáreas) e a superficie queimada polo lume (hectáreas).

“Ante as diversas polémicas que acompañaron a Rede Natura 2000 dende a súa creación, foi necesario analizar o resultado que tivo sobre o réxime de incendios, xa que en Galicia a maioría dos incendios forestais son causados ​​polo ser humano. Neste sentido, un aumento do número de incendios forestais que se producen nas ZEC ou un aumento da superficie queimada poderían indicar un rexeitamento á Rede Natura 2000”, expoñen os responsables do estudo.

“Tamén foi necesario que o noso estudo se centrase nos MVMC, pola gran importancia que teñen no sector forestal en Galicia. Isto permitiunos observar as diferenzas que existen nos distintos tipos de propiedade”, engaden.

Así, os investigadores expuxeron tres preguntas de investigación: existe unha diferenza significativa no número de incendios e/ou na superficie queimada/incendiada antes e despois de 2004 nos ZEC?, existe unha diferenza significativa no número de incendios e/ou na zona queimada/incendia antes e despois de 2004 na zona de intersección MVMC-ZEC?, e houbo unha diferenza significativa nos réximes de incendios dos MVMC con ZEC e dos MVMC sen ZEC?

AUMENTO DA SUPERFICIE QUEIMADA NAS ZEC

Os resultados obtidos do estudo mostran que, tras a declaración dese status de protección, produciuse un incremento estatisticamente significativo da superficie queimada por incendios nas ZEC, principalmente en terreos particulares.

Tamén se constatou que a porcentaxe de incendios provocados posteriores a 2004 foi maior nas ZEC que noutras unidades territoriais. E descubriron que a porcentaxe de incendios provocados se reduciu menos nas ZEC que noutras unidades territoriais. Ademais, comprobaron que a superficie queimada por lumes despois de 2004 nas ZEC foi case o dobre que nas MVMC-ZEC.

 “As políticas conservacionistas da Rede Natura 2000 en Galicia non tiveron un efecto positivo sobre o réxime de incendios forestais”

Con estes datos, os expertos consideran que “as políticas conservacionistas da Rede Natura 2000 en Galicia non tiveron un efecto positivo sobre o réxime de incendios forestais”.

Os resultados obtidos no estudo mostran certas diferenzas no réxime de incendios nas ZEC e nos MVMC. As diferenzas atopadas nas ZEC, din, “son especialmente relevantes, xa que tamén afectaron a superficie queimada polo lume, que se incrementou notablemente nesta unidade territorial”.

Así, aínda que as porcentaxes de incendios forestais de orixe humana para cada zona de estudo foron practicamente idénticas, os datos mostran que foron maiores para os MVMC, onde ata o 91,97% dos incendios acontecidos entre 1999 e 2014 foron provocados polo ser humano ou como resultado de neglixencias. Do total de incendios forestais de orixe humana en Galicia entre 1999 e 2014, o 9,95% producíronse en ZEC.

Nas ZEC, a porcentaxe de incendios forestais de orixe humana foi do 91,14%. Tamén observaron que a partir de 2005 se produciu unha redución da intencionalidade (porcentaxe de incendios forestais de orixe humana), entre 5 e 6 puntos porcentuais. Non obstante, aínda que as porcentaxes de redución de lumes foron moi similares nas distintas unidades territoriais, a menor redución atopouse precisamente nas ZEC. E “malia a tendencia xeral á baixa, observamos que había unha maior intencionalidade nas ZEC”, salientan.

En canto á taxa de incendios forestais de orixe humana antes e despois de 2004 en cada unidade territorial analizada, a maior taxa de incendios forestais antes de 2004 acadouse no conxunto de Galicia (0,52 incendios/100 ha), seguida dos MVMC sen ZEC (0,51 lumes/100 ha). Despois de 2004 xeneralizouse a redución da taxa de intencionalidade, aínda que maior en MVMC e MVMC sen ZEC. “Despois de 2004, a taxa de incendios forestais para os distintos grupos territoriais analizados tendeu a converxer, con valores moi próximos entre todos eles, de tal xeito que os ZEC non parecen beneficiarse do mesmo descenso que os demais grupos de estudo”, sinalan.

Unha análise máis detallada dos resultados obtidos comprobou que a superficie queimada polo lume aumentou significativamente a partir de 2004 en todas as categorías territoriais estudadas. Pero a maior porcentaxe de incremento produciuse nos MVMC, onde a superficie queimada aumentou un 233,36%, así como nas ZEC, onde o incremento foi do 232,68%. É máis, nas ZEC, a superficie queimada foi mesmo a maior de todas as categorías estudadas. Mentres, nas zonas de intersección MVMC-ZEC o incremento porcentual foi o menor, o que para os investigadores “pode indicar que o réxime de propiedade influíu en certa medida no réxime de incendios”.

Aínda que a partir da declarción das ZEC se produciu un descenso significativo do número de incendios nestas áreas, a superficie afectada polo lume incrementouse

En relación ao réxime de propiedade, o único grupo territorial no que se produciu unha redución da superficie anual queimada entre 1999–2014 foi o MVMC–ZEC (30,96%). Isto, para os investigadores, supón que, “malia o incremento da superficie queimada por incendios forestais no período de análise, a redución do número de incendios compensaba os danos provocados, circunstancia que non se constataba para o resto de grupos territoriais”.

Na análise da intencionalidade nas ZEC, chama a atención que aínda que a partir de 2004 se produciu un descenso significativo do número de incendios, a superficie afectada polo lume foi moi superior a partir dese ano.

No que respecta aos MVMC con interseccións coas ZEC, non houbo diferenzas significativas na superficie afectada polo lume a partir de 2004, aínda que si houbo diferenzas significativas na taxa de incendios forestais. Non obstante, os científicos cren que esta redución podería corresponder ao descenso xeral observado tamén no conxunto de Galicia, polo que “non é imputable en primeiro lugar á aprobación do decreto autonómico que regula estes espazos protexidos”.

“Cómpre lembrar que nas ZEC existían diferenzas significativas na superficie afectada polos incendios forestais, polo que esa diferenza podería correlacionarse con cambios nas propiedades privadas. Noutras palabras, se existisen diferenzas significativas nas ZEC e non existisen diferenzas significativas nos MVMC-ZEC, estas diferenzas poden deberse ás propiedades privadas das ZEC”, expoñen.

Por último, observouse a ausencia de diferenzas significativas, tanto na taxa de incendios forestais como na superficie queimada despois de 2004, tanto para MVMC-ZEC como para MVMC sen ZEC.

“Polo tanto, a declaración oficial da Rede Natura 2000 non parece ser determinante na dinámica dos incendios forestais estudados. Este resultado corrobora o observado con respecto ás propiedades particulares, xa que neste caso a presenza das ZEC non parecía ter ningunha consecuencia”, apuntan.

“REXEITAMENTO Á REDE NATURA”

Así, e segundo os resultados obtidos, conclúen que “a Rede Natura 2000 non tivo un efecto moi positivo sobre o réxime de incendios forestais nas ZEC”.

Os resultados “parecen indicar un certo rexeitamento á Rede Natura 2000, principalmente por parte de propietarios de leiras privadas"

De feito, o “importante incremento da superficie queimada” observado nestas zonas “parece indicar un certo rexeitamento á Rede Natura 2000, principalmente por parte de propietarios de leiras privadas e non de propiedade comunal como os MVMC”, explican.

Con todo, recoñecen que “este aumento pode deberse a moitas outras causas non analizadas neste estudo”, polo que consideran necesarias máis investigación que “deberían centrarse na posible relación entre a aparición de incendios e o réxime de propiedade” para aclarar este asunto, ademais de “ter en conta as condicións socioeconómicas dos espazos protexidos, xa que se a poboación desas zonas perciben a rede Natura 2000 como un risco para as súas condicións de vida, dificilmente a aceptará”.

MUDAR CRITERIOS NA CLASIFICACIÓN ZEC

Os expertos tamén ven “necesario analizar se os criterios empregados pola Rede Natura 2000 na súa clasificación son os máis axeitados”, xa que aínda que a directiva establece que “se deben ter en conta os requisitos económicos, sociais e culturais”, estes autores lembran que “as condicións socioeconómicas non se tiveron en conta durante o proceso de selección” destas zonas. “En consecuencia, se os criterios non son axeitados, é moi probable que o resultado obtido sexa moi desfavorable ou que exista algunha oposición social”, din.

Os investigadores están convencidos de que “se as zonas da Rede Natura 2000 fosen seleccionadas por criterios puramente ambientais, o número de incendios sería sen dúbida menor, como mostran as estatísticas oficiais para as ZEC que teñen un valor ambiental destacado”. De feito, apuntan, “que estas ZEC teñan un alto valor ecolóxico débese á ausencia de incendios forestais”.

Critican que na maioría dos casos a clasificación ZEC da Xunta “pareceu responder só á obriga legal de acadar unha superficie suficiente” 

Porén, critican que na maioría dos casos a clasificación ZEC da Xunta de Galicia “pareceu responder só á obriga legal de acadar unha superficie suficiente” e “tentou centrarse nas zonas menos poboadas, probablemente para conseguir unha menor oposición social”. Tanto é así, que, como mostran no seu estudo, a Rede Natura 2000 sitúase principalmente nos concellos máis despoboados de Galicia e naqueles concellos onde se produciu unha maior perda de poboación entre 2001 e 2014.

“Actuando deste xeito, é probable que se estean protexendo zonas que non posúen o valor ecolóxico necesario para ser protexidas, mentres que as zonas de alto valor ecolóxico queden desprotexidas”, comentan.

Para López Rodríguez, Rodríguez Vicente e Marey Pérez, “o éxito da Rede Natura 2000 dependerá, en boa medida, de favorecer o desenvolvemento socioeconómico da poboación residente nos terreos protexidos (o que tería o efecto prexudicial de favorecer o abandono dos terreos), ou, preferentemente, permitir o aproveitamento económico que tradicionalmente se produciu nos terreos protexidos”. Neste sentido, lembran que “foron as comunidades locais as que, mediante unha xestión sostible dos recursos, conservaron ata agora estas terras”.

MUDAR A XESTIÓN DO TERRITORIO E DOS LUMES

A última vaga de incendios en Galicia, que arrasou máis de 30.000 hectáreas, maiormente nas provincias de Lugo e Ourense, afectando zonas protexidas e de enorme valor ecolóxico como O Courel ou o Parque do Invernadeiro, fixo revivir ao país as peores catástrofes das últimas décadas. Para o galego Adrián Regos Sanz, doutor en Ecoloxía Terrestre e investigador do Centre de Ciència i Tecnologia Forestal de Catalunya, está sendo “un ano desolador, como tamén o foi en anos recentes en Portugal, Grecia, Italia, California, Australia ou Chile”. Pero é, ademais, “tremendamente frustrante, porque levamos anos alertando sobre as consecuencias do cambio climático, do abandono rural, da falta de planificación territorial”, lamenta.

“¿E cal é a reacción dos responsables políticos e sectores socioeconómicos decisivos neste pais? Hoxe é o Courel, onte foi o Xurés, e maña? ¿A que estamos esperando para reaccionar como sociedade perante a inacción dos diferentes gobernos que marcaron e seguen a marcar a nosa axenda?”, pregúntase este científico.

Para Regos, “a non xestión é unha decisión con claras implicacións nos lumes”. Aí é onde atopa o principal problema: “A vaga de lumes que estamos a vivir é en gran medida consecuencia das decisións tomadas no eido agroforestal e territorial dos últimos 40 anos”.

Regos lembra que o abandono rural comezou na segunda metade do século XX e este éxodo levou consigo a “perda das actividades agropastorais tradicionais e o seu conseguinte impacto nas paisaxes”. Para este experto, “a cantidade e continuidade da carga de combustible, é dicir, da vexetación dispoñible para arder, é moito maior que hai 50 anos”.

"Está demostrado que unha política exclusivamente baseada na extinción de todos os incendios, paradoxalmente, favorece a acumulación de ‘combustible’"

Por outro lado, cre errado centrarse en estratexias de extinción dos lumes: “Está demostrado que unha política exclusivamente baseada na extinción de todos os incendios, independentemente das condicións e a intensidade coas que se produzan, paradoxalmente, favorece a acumulación de ‘combustible’, ao privar os nosos ecosistemas dun proceso ecolóxico fundamental, o fogo (efecto coñecido como ‘firefighting trap’)”.

O científico pregúntase como xestionar as paisaxes agroforestais sen fogo e onde están os recursos para unha xestión a escala de paisaxe que nos permita facer fronte a unha nova xeración de incendios. Estes grandes incendios, cada vez máis devastadores, “veñen para quedarse”, di. “Necesitamos ser conscientes de que o cambio climático só vai favorecer as condicións para que estas ondas de incendios se repitan con máis frecuencia e virulencia. A acumulación progresiva de vexetación sen xestionar, baixo as condicións de seca e estrés hídrico ás que están expostas, crea as condicións ideais para a xeración de eventos extremos, ante os que as brigadas de extinción teñen pouco que facer, máis alá de arriscar as súas vidas. Pensemos tamén neles”, pide este experto.

Para Regos, “precisamos ser conscientes da gravidade do problema” e “crear paisaxes máis resistentes e resilientes aos grandes incendios forestais, camiñar cara territorios ‘fire-smart’”. Tamén considera necesario “recoñecer o papel fundamental do fogo nas nosas paisaxes, o uso ancestral que del fixeron as comunidades rurais e incorporar ese coñecemento na xestión”.

“As nosas paisaxes precisan urxentemente dunha xestión proactiva, adaptativa, integradora, que permita un desenvolvemento rural compatible, a medio e longo prazo,  coa biodiversidade e os servizos ecosistémicos. Está claro que a xestión reactiva, unilateral fronte os retos do cambio global non é efectiva, nin intelixente. E a inacción, repito, tamén é unha decisión”, advirte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Que manía teñen os nosos investigadores en publicar todo en INGLÉS ¿acaso non temos dereito ao coñecemento os que lemos español - galego - francés? Esa manía de aparecer indexados nas revistas anglófonas vai rematar coa comunicación entre os universiatarios e o resto de cidadáns ! Alguén sabe dun bo tradutor de PDFs ? Xa está ben de ser papanatas lingüísticos !

1 Gamela

E por riba algúns dan consellos para publicar en inglés (?) Tonterías, las justas ! https://theconversation.com/hay-que...