Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/09/2014 | Actualizada ás 14:36
A primeira sesión do control ao goberno deste período de sesións comezou moi tensa. Tan tensa que non houbo ningún dos partidos que quedara sen o seu respectivo insulto. Feijóo chamou “tontos útiles” aos do BNG e iso provocou que os grupos da oposición cualificaran ao presidente de “gilipollas”, “choni” ou “comemerda”.
Un día despois da bronca do Parlamento, Feijóo quixo deixar claro que o seu “tonto útil” non foi un insulto, senón que era unha expresión do debate parlamentario. “Unha cousa é un debate parlamentario e outra un insulto persoal”, dixo o presidente galego sobre os insultos que a oposición dixo sobre el, pero excluíndo, en todo caso, o que el lle adicou ao BNG.
É máis, Feijóo mesmo xustificou o uso desa palabra apelando a que se utiliza noutros parlamentos e, mesmo, ao propio Karl Marx. “Sorprendeume que alguén se incomode por unha expresión que está en varios diarios de sesións doutras cámaras e que é unha expresión tomada de Karl Marx, o que non debería molestar a algún dos grupos da Cámara”, dixo irónicamente ao ser preguntado por GC.
Feijóo destacou que este mércores, na Cámara, “volveuse vivir algo que, lamentablemente, non é excepcional”, pero quixo aclarar que esa tensión non foi motivada por ese “tontos útiles” que el empregou. “En todo caso, eu retirei esa expresión cando vin que un deputado se sentiu ofendido”, manifestou.
Neste sentido, mostrouse sorprendido polo feito de que o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, e outros deputados da oposición o insultaran a el persoalmente. En todo caso, suliñou, o importante dos debates, dixo, “é a calidade das propostas e non a cantidade”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.