CCOO DENUNCIA QUE OS DIRIXENTES DE CULTURA LEVAN MÁIS DE UN ANO NEGÁNDOSE A DIALOGAR COAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS
CCOO FAI UN CHAMAMENTO ÁS DEMAIS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS PARA ORGANIZAR UNITARIA E CONXUNTAMENTE MOBILIZACIÓNS
CC.OO. lamenta que os dirixentes de CULTURA ignoren e desprecen durante tantos meses o dereito á negociación colectiva do seu persoal, xa que en vez de convocar ás organizacións sindicais e constituír unha Mesa de Negociación, fan oídos xordos ás reiteradas solicitudes que se lle levan feito, optando, pola contra, por obrigar a resolver tódalas discrepancias laborais e conseguir a aplicación de dereitos básicos consolidados a través dos xulgados, como a única vía alternativa posible.
CC.OO. considera que asuntos, tan importantes, tanto para o persoal como para o axeitado funcionamento dos centros, como o redimensionamento das plantillas dos Arquivos, Bibliotecas, Museos, IGAEM, CGAC, Complexo Deportivo Monterrei, etc., a revisión e homologación dos niveles profesionais do persoal técnico funcionario dos corpos especiais dos arquivos, bibliotecas, museos e servizo de arqueoloxía, a asignación efectiva dos complementos establecidos no convenio para o persoal laboral, a ordenación da xornada laboral, turnos, libranzas e traballo en domingos e festivos, o calendario de vacacións, as reclasificacións de categorías, as contratacións irregulares, a formación e promoción profesional, a saúde laboral, etc., parecen non existir para os dirixentes desta consellería e sobre os que prefiren non dialogar e optan irresponsablemente por que os traballadores poidan falar deles únicamente nos xulgados.
CC.OO. manifesta que os dirixentes da Consellería de Cultura instaláronse, xa dende o principio do seu mandato, nunha prepotente torre marfileña e, como unha férrea patronal calquera, atrincheiráronse na confrontación, mentres noutras consellerías, como Vicepresidencia, Sanidade, Medio Ambiente, etc., todos estes asuntos laborais negocianse con total normalidade nas correspondentes Mesa de Negociación específicas constituídas ó efecto.
CC.OO. afirma que esta, aparente prehistórica actitude dos dirixentes da Cultura, obedece a unha estratexia perversa ben definida e planificada, consistente en entorpecer a normal interlocución cos representantes do persoal, dificultándolles o lexítimo desenrolo da súa representatividade, obrigandolles a xudicializar toda a actividade laboral para, mentres tanto, perpetuar, con paso firme, a política do enchufismo afín e da montaxe dos tinglados clientelares externalizadores da xestión cultural pública, prácticas, por certo curiosamente moi ben retratadas polo propio actual secretario xeral da consellería nalgunha das súas estupendas publicacións teóricas e retóricas, nas que, dende a oposición, criticaba e cuestionaba ese modelo de externalizacións dos servicios públicos, empregando para as súas teses, a análise do modelo TRAGSA do PP, mentras, agora en exercicio de goberno, a sua equipa, aposta incoherentemente por implantar o sistema por el mesmo rexeitado maxistralmente con anterioridade: o caso máis palmario do desatino é o da creación da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC): pese ó demoledor informe do Consello Económico e Social, crítico e contrario á sua creación, dende a consellería, erre que erre, adiante cos faroles, custe o que custe e caia quen caia.
CC.OO. insta, en consecuencia, ós dirixentes de Cultura para que se aveñan ó diálogo, asuman as súas obrigas coas organizacións sindicais e, no que atinxe ás cuestións laborais reseñadas, permitan resolvelas negociadamente na Mesa de Negociación antes da aprobación definitiva dos orzamentos de 2008, co fin de asignar as cantidades económicas necesarias para saldar as débedas co persoal e executar determinadas sentencias dos xulgados do social -favorables ós traballadores-, para frenar o quebranto retributivo que lle ocasiona esta situación ó persoal afectado.
CC.OO. esixelle tamén a Cultura: menos Pluses de Altos Cargos fronte a máis negociación e cumprimento e respeto das condicións e dereitos laborais básicos dos traballadores.
Por último, dende CC.OO. reiteramos o chamento ás demais organizacións sindicais para, de forma unitaria e conxunta, lle esixamos á Consellería de Cultura que cambie de actitude e que, fronte á confrontación, normalice a negociación como o cauce lexítimo ordinario dos traballadores para resolver os seus problemas laborais en xeral e os asuntos reseñados, en particular, e, para que, tamén en cuestións de persoal, esta consellería deixe xa de ser a cinsenta da Xunta de Galicia.
Santiago, 22 de novembro de 2007
ACCIÓN SINDICAL SECTOR ADMÓN AUTONÓMICA CC.OO.