Por Galicia Confidencial | Galicia | 23/10/2007 | Actualizada ás 11:10
Na conferencia de prensa participaron o secretario xeral do Sindicato Nacional, Xan María Castro; o secretario xeral da Federación de Servizos e Administracións Públicas (FSAP-CCOO), Carlos Pardo; o secretario de Acción Sindical, Xaime López Golpe; e María Xesús Fernández e Marcos Luaña polas federacións do Ensino e de Sanidade respectivamente.
Na súa intervención, Xan María Castro expresou a «preocupación» da organización sindical «ante as iniciativas privatizadoras que está adoptando a Xunta de Galicia» en diferentes ámbitos, entre os que citou o servizo de extinción de incendios, os servizos sociais, o ensino ou a sanidade eido este último no que, porén, se felicitou pola integración das fundacións sanitarias no sistema público.
O secretario xeral de CCOO de Galicia tamén se mostrou preocupado polas fórmulas de contratación en determinados servizos que externalizou total ou parcialmente a Xunta de Galicia, como as 'galescolas' ou os servizos de extinción, nos que os contratos por obra substitúen os indefinidos. Isto constitúe unha contradición co pactado no proceso de Diálogo Social, no que as Administracións públicas se comprometen a fomentar o emprego estable.
Pola súa parte, Carlos Pardo criticou que os actuais socios de goberno na Xunta manteñan unha rede clientelar similar á dos seus predecesores, alimentando unha «administración paralela» que non redunda nunha flexibilidade ou redución de custos nin nun mellor funcionamento ao servizo da cidadanía.
Coa campaña e os seus actos reivindicativos, CCOO pretende «concienciar a cidadanía sobre os graves riscos» que a situación implica, tanto desde o punto de vista do funcionamento destes servizos como desde a repercusión económica. Para o secretario xeral da FSAP-CCOO, «cómpre chegar a un gran pacto coa Administración sobre que servizos, que entendemos como esenciais, deben continuar sendo de xestión pública e cales se podería estudar que concorresen no mercado».
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.