Por E.P. | A CORUÑA | 19/08/2022 | Actualizada ás 11:12
O aeroporto da Coruña contará, a partir do próximo ano, cun total de cinco conexións internacionais, con tres novos destinos. Serán Ámsterdam, Milán e Xenebra, que se unen ás conexións xa operativas cos aeroportos de Londres-Gatwick e París-Orly.
Segundo informa o consistorio, a través do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, avaliáronse este venres as ofertas recibidas no segundo concurso convocado para a promoción turística da cidade. "A compañía Easyjet mostrou o seu desexo de facerse cargo das tres novas rutas que unirán A Coruña con Ámsterdam (Países Baixos), Milán (Italia) e Xenebra (Suíza)", apunta.
Na apertura do primeiro dos sobres con ofertas no concurso público, Easyjet foi a única empresa que optou a ese lote de destinos. Nos próximos días completarase o concurso e, se secumplen todos os trámites, Easyjet operará todo o ano, a partir do mes de abril de 2023, con dúas frecuencias semanais.
Estas tres novas rutas internacionais son froito da licitación pública que o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña aprobou na súa xunta de goberno do pasado 22 de xullo, unha iniciativa orientada a impulsar a promoción turística da cidade e que contou cun investimento de 1,2 millóns de euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.