Defensa da Sanidade chama á mobilización contra os recortes nos centros de saúde de Sanxenxo

Convoca unha asemblea para tratar a situación que atravesa a sanidade pública no concello e na área sanitaria.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2022 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública en Sanxenxo (SOS Sanxenxo) convoca para o próximo luns, 22 de agosto, unha asemblea para tratar a situación da sanidade pública no concello e área sanitaria, informar sobre a recollida de sinaturas para a ILP proposta por colectivos sanitarios a entregar no Parlamento de Galicia e organizarse de cara á mobilización social. 

Centro de Saúde de Baltar, Sanxenxo - La Voz de Galicia
Centro de Saúde de Baltar, Sanxenxo - La Voz de Galicia

Dende a plataforma denuncian o "continuo desleixamento" da sanidade que, din, están a sufrir no concello, no que ambos centros de saúde "padecen recortes e sobrecarga asistencial" dende hai anos. "Non queren cubrir as ausencias de persoal e recortan os equipos de traballo en época estival", denuncia a plataforma. Unha situación que provoca que o consultorio de Vilalonga "quede sen persoal médico e de enfermaría" e que o centro de saúde de Baltar opere "coa metade do cadro de persoal" sen oco para consultas e tan só con atención a urxencias e desprazamentos.

"Tal é a situación de toda a área de Pontevedra e O Salnés que o PAC do Grove permanece, a maioría do tempo, sen facultativos, e as urxencias derívannas a Baltar", explica a plataforma, que denuncia que o Sergas, en vez de "dotar de máis unidades de ambulancias medicalizadas á zona, móveas dun lado para outro sen ter en conta da necesidade real que existe no verán". Un cóctel de precariedade que está detrás de "desgrazas como a morte acaecida o pasado 6 de agosto no PAC de Baltar dunha veciña do Grove", explica a plataforma.

Por todo isto, a Plataforma fai un chamamento á cidadanía para acudir á asemblea,  presidida polo voceiro da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Manuel Martín, o próximo luns, ás 20:00h no salón Usos Múltiples de Portonovo, e trasladar á rúa as reivindicacións por unha sanidade pública de calidade. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta