GC Aberto

Movementos socialistas, brecha xeracional e estado burgués

Nas distintas nacións oprimidas polo Estado Imperialista Español e polo resto de estados imperialistas de Europa Occidental, está a xurdir unha fractura xeracional e de clase no seo do movemento obreiro e popular que supón un deslindamento co nacionalismo etnicista e interclasista e tamén co electoralismo e coas lóxicas socialdemócratas e economicistas herdadas da II Internacional.

Por felixouteriño | GC ABERTO | 20/09/2022

Comparte esta noticia
Nas distintas nacións oprimidas polo Estado Imperialista Español e polo resto de estados imperialistas de Europa Occidental, está a xurdir unha fractura xeracional e de clase no seo do movemento obreiro e popular que supón un deslindamento co nacionalismo etnicista e interclasista e tamén co electoralismo e coas lóxicas socialdemócratas e economicistas herdadas da II Internacional. Críticas xustas e rupturas necesarias e valentes que, porén, poden chegar a presentar algúns problemas no seu artellamento que debemos analizar en común de forma construtiva todos os revolucionarios que estamos pola reconstrución dun movemento revolucionario e proletario sen hipotecas nin ambigüidades. Vaiamos por partes:

1. Motivos obxectivos e xustos do seu xurdimento

1.1 A xeración emerxente e constituínte destes movementos comunistas e/ou socialistas está inmersa nun proceso de proletarización na que viven materialmente peor que os seus pais, e na que as capas intermedias da sociedade xa están absolutamente coaptadas polo estado burgués. Dificultades económicas e carencia de certezas, expectativas e proxeccións vitais. Esta xeración só viviu en crise.

1.2 Enésima constatación do fracaso da vía reformista. Nos distintos estados do centro imperialista, incluído o Estado Español e nas nacións baixo o seu xugo, xurdiron, ao calor da crise económica movementos socialdemócratas máis ou menos “radicais” que apostaron por unha saída institucional/ electoral e/ou economicista e de mobilización de masas abstracta. Moitos destes movementos acadaron certas cotas de poder institucional, evidenciando todos eles a imposibilidade absoluta da vía que propoñen. Os mozos comunistas fan ben en non analizar dende o simple prisma moral da traizón esta vía errada; trátase da imposibilidade material de facer políticas reformistas no seo dun estado do centro imperialista: non hai marxe de manobra para a socialdemocracia. Eles son os utópicos e idealistas: a única vía materialmente practicable é a proletaria e revolucionaria.

1.3 Limites materiais do movemento independentista catalán. A “revolución pasiva” practicada polos axentes políticos, económicos e mediáticos da pequena e mediana burguesía catalá, reconducindo todo o movemento cara a lóxica autonomista e institucional, e a incapacidade do movemento de non ser fagocitado por estes axentes, mostrou ás claras os límites da estratexia do independentismo catalán. As dúas "almas" deste movemento en aparente tensión e disputa, tanto a "cidadanista, democrática e republicana" como a "procesista e nacionalista", evidenciaron unha errática política de alianzas e de intervención; nin a Unidade Patriótica, nin a mal chamada Unidade Popular, nin os movementos "cidadáns" teñen capacidade para saír da lóxica burguesa, institucionalista, interclasista de representación e coaptación. Sen independencia de clase non será posible a destrución do estado burgués español.

1.4 Derrota estratéxica e/ou claudicación da esquerda abertzale. Durante décadas, moitas veces por méritos propios e outras por incapacidade allea, o movemento político e militar da esquerda abertzale serviu de "faro moral" para varias xeracións de militantes que vían con simpatía como ETA, KAS, HASI, HB ou Jarrai eran un crebacabezas para o Estado Español e un referente de combatividade e implantación social. A derrota/entrega política, militar e ideolóxica da esquerda abertzale oficial supuxo un golpe moral para varias quintas de militantes revolucionarios, pero tamén un debate xusto e necesario sobre os motivos de tal derrota. Foi un problema táctico ou estratéxico? Simplemente había traidores ou un problema estrutural? As respostas neste sentido nunca son totalmente absolutas, pero coido que os rapaces do movemento comunista acertan ao sinalar os problemas ideolóxicos que foron o caldo de cultivo desta dexeneración política: predominio excesivo da tensión nacional sobre a de clase; concepción terceiromundista dun movemento no seo do centro imperialista; e alianzas interclasistas aparelladas ás dúas anteriores: sen independencia de clase non haberá República Socialista de Euskal Herria.

2. Potenciais, problemas, desviacións e debates

2.1 Exceso de adanismo. Todos os movementos de ruptura revolucionaria teñen unha forte compoñente xeracional a nivel estrutural, e está ben que así sexa. É así pola recomposición material do proletariado e do proletariado emerxente, coas súas necesidades materiais particulares e coas súas inquedanzas revolucionarias concretas. Pero esta realidade obxectiva non pode levarnos a cortar o noso “fío vermello da historia”, a aprender das valiosas xeracións de militantes anteriores, incluso das máis derrotadas, e usar a súa experiencia en derrotas e vitorias e a intuición da veteranía para enriquecer os novos procesos revolucionarios retroalimentando o cerebro colectivo da nosa clase. Non podemos caer na cerrazón xeracional nin nas perigosas teorías do "poder adulto". Aínda que a forza e dirección do movemento sempre será empurrada maioritariamente por unha xeración determinada, aproveitemos as mans e as cabezas de todos os efectivos dispoñibles e apliquemos a sa tensión educativa entre a experiencia da veteranía e o ímpeto da mocidade.

2.2 Deslindamento na cuestión nacional. Un exceso de reacción ás políticas interclasistas e etnicistas do nacionalismo poden situar ao movemento na desviación contraria: nunha sorte de nihilismo ou indeterminación nacional que sexa funcional para o nacionalismo español. Non se está facendo con esta análise a estúpida e ruín arma arroxadiza que Bildu e o nacionalismo catalán ou galego usan contra os comunistas da súas nacións tachándoos de "españolistas", simplemente se advirte dunha política centrada, xusta e independente tamén na cuestión nacional.

2.3 Desconfianza, receo e cerrazón. As inxustas, histriónicas e virulentas campañas de acoso e desprestixio que os comunistas sofren por parte da socialdemocracia desorientada, así como a xusta necesidade de seguridade, discreción e vixilancia, poden levar a estes incipientes e prometedores movementos a un exceso de bunkerización. A desconfianza e o celo cara potenciais aliados nacionais e internacionais hai que neutralizalos, con solidariedade, achegamentos e debate aberto e franco.

2.4 Modelo organizativo. A política esclerótica e fosilizada –que moitas organizacións pretendidamente revolucionarias practican– acompañada do autismo, mecanicismo e rutina táctica que exercen, poden levar(nos) aos novos destacamentos revolucionarios a desconfiar ou rexeitar os modelos orgánicos que esas organizacións din ter (e que, por suposto, nunca teñen) e tachalos de obsoletos ou oxidados, sinalando a parte polo todo, e podendo caer nun certo nihilismo organizativo que nos leve ao espontaneísmo.

3. Síntese Revolucionaria. Partidos Comunistas. Repúblicas Socialistas

3.1 A aparición destes incipientes movementos no seo do centro imperialista mundial, só poden ser un motivo de ledicia e optimismo revolucionario que os comunistas debemos saudar efusivamente para aumentar a nosa moral de combate e de vitoria.

3.2 Temos a obriga de coordinar todos os destacamentos revolucionarios que nacen nas nacións e pobos do Estado Imperialista Español co obxectivo de debater en común, deslindar, aprender mutuamente e construír as ferramentas de combate máis eficientes.

3.3 A aprendizaxe e ensinanzas mutuas téñense que dar tanto entre as diferentes realidades nacionais baixo o xugo deste estado burgués, como entre as diferentes xeracións militantes, coas súas particularidades e experiencias enriquecedoras.

3.4 A forma política a que temos que aspirar é a construír en cada unha das nosas nacións o Partido Comunista fortalecido por todos os continxentes e destacamentos militantes que están aberta e decididamente dispostos a combater contra o estado burgués e implantar a democracia proletaria: a República Socialista. Nesta tarefa ninguén sobra e todos temos que aportar: mozos, veteranos, mulleres, homes, nativos, migrantes... todos formamos a clase obreira de cada unha das nosas nacións.

Viva a Revolución Socialista! Viva o Internacionalismo Proletario!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta