Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2022 | Actualizada ás 18:37
O papa Francisco recibiu ás familias do 'Villa de Pitanxo' --o pesqueiro galego no que houbo 21 falecidos nun afundimento o pasado febreiro--, nun "breve encontro" no Vaticano, onde puideron trasladarlle as súas reivindicacións.
A portavoz dos familiares, María José de Pazo, mostrou a "impresión positiva" desta visita. Aínda que foi "máis breve" do que esperaban, agradece a "deferencia" por este "privilexio". Así, trasladáronlle ao papa o sentir pola ausencia dos 21 falecidos no naufraxio do barco ocorrido a 450 quilómetros de Terranova (Canadá). Neste encontro participaron membros de media ducia de familias.
Igualmente, pedíronlle ao papa que, como xefe de Estado, expor en organismos supranacionais a necesidade de que se reflexione e "se saquen conclusións" acerca deste sinistro co fin de "previr que non volva suceder", de forma que se beneficie a "toda a xente do mar". "Pedímoslle ao papa que fixese seu tamén este obxectivo", apunta Maria José de Pazo.
As familias proseguen coa súa reclamación ao Goberno de que se baixe ao pecio cun robot para poder indagar no sucedido e facilitar a investigación. Así mesmo, De Pazo remarca que este xoves, 8 de setembro, será "un día importante", xa que se votará a petición de urxencia ante a Comisión de Peticións para que se investigue, polo que demanda "sentido de humanidade" a todos os partidos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.