O PSOE reclámalle ao PP que se "desculpe" cos usuarios das residencias por "mentir e esconder os datos do impacto da pandemia"

O Parlamento galego aprobou este xoves por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo grupo socialista para reclamar á Xunta que faga públicos antes de final de ano os falecementos por covid-19 ou sintomatoloxía compatible en cada residencia de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2022 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

A Comisión de Sanidade e Política Social do Parlamento galego aprobou este xoves por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo grupo socialista para reclamar á Xunta que faga públicos antes de final de ano os falecementos por covid-19 ou sintomatoloxía compatible en cada residencia de Galicia. Na mesma sesión non se aprobou outra iniciativa, do BNG, que daba ao Goberno galego un prazo dunha semana para estes datos.

Durante a intervención, a deputada socialista Mariña Ortega asegurou que "é de xustiza" que a Xunta presente estes datos tanto ante o Parlamento como aos familiares das vítimas, dado que "non hai peor desbasto que pasar polo falecemento dun familiar sen tenertodos os datos".

Mariña Ortega reclamou tamén que tanto a Xunta como o PP "descúlpense" diante dos usuarios das residencias galegas, así como cos familiares dos falecidos por covid, e "diante de toda a cidadanía", por "mentir" e "esconder os datos do impacto da pandemia" nestes centros. A iniciativa foi emendada polo PP para incluír que a Xunta debe facelo nos termos establecidos na sentenza do TSXG do pasado mes de marzo sobre a materia.

Na súa intervención, o deputado popular Alberto Pazos Couñago garantiu a "vontade de transparencia" do Goberno galego, que é "absoluta", e lembrou que a Xunta xa dixo que "os datos se darían unha vez cumprimentados os requisitos legais" en relación á protección de datos.

Pazos Couñago asegurou que o Grupo Popular está a favor de facilitar estes datos "porque a opinión pública ten dereito" a coñecelos, pero tamén, dixo, porque están convencidos de que "en Galicia as cousas fixéronse mellor que noutros territorios".

REXEITADA A INICIATIVA DO BNG

Pola contra, non foi aprobada unha proposición presentada polo BNG nos mesmos termos pero que daba á Xunta un prazo dunha semana para facer públicos estes datos. Durante o debate, a deputada nacionalista Olalla Rodil reprobou ao Goberno galego que "leve dous anos, 730 días" utilizando "todos os atrancos que tiveron na súa man" para "non facilitar os datos de falecementos en residencias desagregados por centros" e que, agora, continúe "dilatando os prazos".

"Levan negando o acceso a estes datos, por activa e por pasiva, dous anos, incluso usando argumentos tan peregrinos como que había que refacelos e entón non se podían dar", reprochou Rodil, que acusou á Xunta de "escurantismo" e "desprezo polo dereito democrático a saber".

OPORTUNIDADES PARA A MOCIDADE

Por outra banda, o Parlamento de Galicia aprobou este xoves en comisión unha proposición non de lei do Grupo Popular na que se insta á Xunta a "a seguir traballando na creación de oportunidades para a mocidade e seguir apostando por programas pioneiros como o Xuventude Mentoring".

O portavoz popular de Mocidade, Adrián Pardo, asegurou que "a mocidade galega ten no Goberno galego un aliado para a mellora das súas condicións" e destacou a posta en marcha en maio de 2021 do programa Xuventude Mentoring que, na súa primeira edición, mobilizou 450.000 euros para mellorar a formación e capacitación de 196 persoas novas tituladas universitarias ou de formación profesional, e inscritas no Sistema Nacional de Garantía.

Residencia de maiores
Residencia de maiores | Fonte: Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta