Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2022 | Actualizada ás 12:58
Só unha semana despois de que un xulgado de Santiago arquivase a peza da Operación Pokémon na que permanecía investigado o exregidor compostelán Gerardo Conde Roa, a macrocausa aberta pola xuíza Pilar de Lara recibiu un novo revés ao coñecerse o arquivo doutra das pezas separadas, a que investigaba por tráfico de influencias o exalcalde de Ourense Francisco Rodríguez.
En concreto, foi o xulgado de instrución número 2 da cidade o que deu carpetazo a esta peza, unha solicitude que realizou, á súa vez, a Fiscalía, única acusación personada. A peza derivaba da macrocausa Pokémon, aberta no ano 2012 para investigar unha suposta trama de tráfico de influencias e corrupción en distintos concellos galegos pola xuíza Pilar de Lara --apartada posteriormente do xulgado de Instrución 1 de Lugo por unha sanción do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) por dilacións--.
Na peza arquivada figuraban como investigados o excalcalde de Ourense Francisco Rodríguez e a súa parella, así como o entón secretario da Deputación de Ourense, Francisco Cacharro, o que fora xefe en Galicia de Aquagest, Henry Laíño, e a parella deste. Analizábase a posible comisión dun delito de tráfico de influencias en relación á adxudicación de contratos á empresa Aquagest, así como presuntas irregularidades na emisión de informes favorables ás concesións.
No entanto, o xulgado ourensán, en concordancia co defendido polo Ministerio Público, considera que a instrución realizada por De Lara "só alcanza a mostrar sospeitas ou indicios preliminares derivados" de escoitas telefónicas, elementos que "carecen de peso suficiente" para "a continuación da causa". Neste sentido, fai mención a que "non se concedeu aos investigados a posibilidade de recoñecer ou contrastar" as escoitas telefónicas, "transcorrendo amplamente o período de instrución, sen que sexa posible a práctica de novas dilixencias".
No caso do que era secretario da Deputación de Ourense, Francisco Cacharro, "tampouco consta acreditado ningún pago directo ou indirecto" pola "emisión de informes a favor", "non constituíndo indicio delituoso determinante o abono de dúas viaxes por parte de Aquagest a Málaga e Barcelona, que se remontan ao ano 2007", recolle o auto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.