Once espectáculos teatrais: a proposta da nova edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense

Será do 13 ao 23 de outubre en distintos escenarios da cidade

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2022 | Actualizada ás 21:03

Comparte esta noticia

O Teatro Principal de Ourense acolleu este xoves o acto de presentación da XV edición do Festival Internacional de Teatro Ourense, o FITO, que ofrecerá entre o 13 e o 23 de outubro, en distintos escenarios da cidade, once espectáculos producidos por compañías galegas, arxentinas e portuguesas.

O programa do festival encargouse de presentalo a directora do mesmo, Fina Quella que estivo acompañada polo vicepresidente segundo da Deputación Provincial,César Fernández, o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Agadic, Jacobo Sutil e a directora do Teatro Principal, Olga Mouteira.

Mouteira foi a primeira en tomar a palabra para convidar á cidadanía a "gozar da cultura", enxalzando que "chegar á edición número quince demostra o interese pola supervivencia de proxectos culturais que, ano tras ano, teñen espazo no Teatro Principal".

Pola súa banda, Fina Quella, antes de detallar a programación, expresou a súa "satisfacción" polo que supón "a volta á normalidade" do festival, agradecendo á Deputación e ao teatro a súa colaboración para ofrecer "espazos dignos á altura dos artistas que desexan exhibir as súas propostas". Así, agradeceu a cesión do Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Liceo de Ourense, o Mur Marxinal e o Colexio Maristas, que tamén serán escenarios dalgunhas das funcións.

En canto á Xunta de Galicia, Jacobo Sutil referiuse a os festivais de teatro galegos como "un ecosistema escénico", sostendo que "o FITO é unha parte imprescindible" pola súa capacidade de difusión da produción galega, aínda que conta con propostas de fóra de Galicia, "nun traballo de reivindicación da cultura e promoción de compañías de emerxentes".

O representante da Consellería de Cultura tamén puxo en valor a "vontade" do encontro para servir de espazo de intercambio entre creadores de diferentes disciplinas a través da iniciativa "67 Graos-Ourense Fervescénica", un proxecto que consiste no lanzamento de catro bolsas de creación para pezas performativas e de microteatro, cuxo prazo de presentación ábrese o 5 de outubro.

MONTAXES DE SALA E RÚA

O catro seleccionadas presentaranse no Teatro Principal o 18 dese mesmo mes, sumándose aos outros once espectáculos que compoñen o cartel. O Cartel Haberá tanto montaxes de sala como de rúa. A formación A Run Run será a encargada de abrir a edición a modo de aperitivo na véspera da xornada inaugural, o día 12, co seu percorrido polas rúas ourensás coa súa obra "Fitomozas".

A programación ábrea a compañía A Panadaría co seu espectáculo 'As que limpan', no Teatro Principal o xoves 13 de outubro. Ao día seguinte, será a formación lusa Teatro ArtImagen a que se suba ás táboas para representar 'Especies Lázaro', unha obra que conta con participación de actores galegos. O 15 de outubro chegará 'Alma de Tigre' da compañía Elefante Elegante e ao día seguinte o Circo Chosco levará a súa función "Oh- Pera" ao patio do colexio Maristas.

O día 18 está reservado integramente para a segunda edición da iniciativa 67Graos-Ourense Fervescénica no Teatro Principal, polo que a programación continuará o día 19 no espazo Mur Marxinal con 'Ragazzo' de Barrosanta, e na seguinte xornada está previsto a estrea de Uxía Morán con 'Ingobernable', de novo no Teatro Principal.

A programación compleméntase durante o fin de semana con tres actuacións, todas no Principal fóra da do venres 21, 'Pirolíticos', de Mofa e Befa, que actuarán no Liceo. O sábado, quenda para os arxentinos Sutottos que representarán "Perdón" e o domingo reservarase a función de clausura para "Smoke on the water", montaxe de Ibuprofeno Teatro.

"Estamos ante un evento referente na axenda cultural da provincia de Ourense", resaltou César Fernández, o vicepresidente segundo da Deputación, subliñando o FITO como "un proxecto xa consolidado que axuda a facer crecer a cultura e a súa profesionalización".

Por iso, Fernández fixo fincapé na importancia de que as Administracións Públicas "somen esforzos para favorecer estas conquistas", agradecendo o apoio da Xunta de Galicia. O horario das producións será sempre ás 20.00 horas fóra da última cita, a do domingo 23, que se representará ás 19.00 horas.

As entradas xa están dispoñibles na www.ataquilla.com e no propio teatro venderanse dúas horas antes de cada función. Terán un prezo que oscila entre os 9 e os 4 euros dependendo a zona do recinto.

Así mesmo, a décimo quinta edición do FITO inclúe actividades paralelas como a presentación de dous libros: 'Pandrama', do dramaturgo e crítico Alfonso Becerra, e 'Antoloxía do teatro galego contemporáneo', editado por Cea Lusófona, a Asociación Portuguesa para o Intercambio Teatral.

Presentación da XV Edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense..
Presentación da XV Edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense.. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta