A débeda de Galicia crece ao 17,7% do PIB

Sitúase en 11.824 millóns de euros no segundo trimestre.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/09/2022 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

A débeda de Galicia sitúase en 11.824 millóns de euros no segundo trimestre, fronte aos 11.314 do primeiro trimestre e os 12.071 que rexistraba no mesmo período do ano anterior, segundo os datos que publica este venres o Banco de España.

Deste xeito, supón un 17,7% do produto interior bruto (PIB), mentres que hai un ano a débeda pública galega representaba o 19,8%, pero o primeiro trimestre estaba no 17,3%.

Pola súa banda, a Consellería de Facenda destaca que Galicia é a terceira comunidade cun menor cociente de débeda por habitante, ao situarse en 4.393 euros, fronte aos 6.699 euros da media. Engade que Galicia, co 17,7%, ten un diferencial positivo de 7,2puntos no segundo trimestre, e así o organismo sitúa á comunidade como a cuarta de réxime común con menor endebedamento de toda España.

Iso si, o cociente débeda/PIB subiu en Galicia en 0,4 puntos de marzo a xuño, do 17,3% ao 17,7%, debido a "un adianto no programa de endebedamento da Xunta no segundo trimestre ante as expectativas dun endurecemento das condicións de financiamento para final de ano", explica a consellería.

"O proceso de normalización das políticas monetarias, como consecuencia da intensificación e persistencia de elevadas taxas de inflación, está a encarecer o custo das novas emisións de débeda", sinala.

Billetes de euro nun feixe de diñeiro
Billetes de euro nun feixe de diñeiro | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta