Pau xudicial á eólica: o TSXG paraliza cautelarmente a execución do parque Campelo

O Tribunal sinala que nin a promotora nin a Xunta conseguen avalar a "imperiosa necesidade de contar co novo parque", situado en Coristanco e Santa Comba.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2022 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de acoller a solicitude de ADEGA e da PDCC para suspender a execución do acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se outorgaron as autorizacións administrativas previa e de construción e se declarou a utilidade pública do proxecto do parque eólico Campelo.

Parque Eólico Campelo en Coristanco e Santa Comba
Parque Eólico Campelo en Coristanco e Santa Comba | Fonte: remitida

Este proxecto, sito nos municipios de Coristanco e Santa Comba, está promovido pola sociedade Greenalia Wind Power Campelo, S.L., en cuxo Consello de Administración se atopa na actualidade a que fora Conselleira de Medio Ambiente co PPdeG, Beatriz Mato.

As autorizacións administrativas relativas a este proxecto, así como as outorgadas para a construción dos parques eólicos Bustelo e Monte Toural, igualmente promovidos por Greenalia, foron obxecto de impugnación a finais do mes de xaneiro perante o Tribunal Superior de Xustiza por parte de ADEGA e da Plataforma para a defensa da Cordillera Cantábrica (PDCC). Estas dúas organizacións solicitaban para os tres casos a adopción da medida cautelar de suspensión da execución dos correspondentes acordos.

A impugnación xudicial das autorizacións susténtase, no caso dos tres parques, na "fragmentación artificial" dos proxectos e nas "irregularidades" en canto ao desenvolvemento dos trámites de información pública, reducidos a quince días e nos que non se puxeron a dispor da cidadanía os informes sectoriais correspondentes.

No Auto de 19 de setembro, a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia destaca en particular que "non se pode ignorar que os defectos de publicación e audiencia que alega a letrada da actora xa teñen dado lugar á estimación de dous recursos nos que, con fundamento nas mesmas normas, se alegaba tal deficiencia", referíndose a sendas Sentenzas de 21 de xaneiro de 2022, que declararon a nulidade das autorizacións relativas ao proxecto do parque eólico de Corme G-3 (modificación substancial por repotenciación), igualmente de competencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, incide o Tribunal que nin Greenalia nin a Xunta, partes demandadas, conseguen avalar a "imperiosa necesidade de contar co novo parque, nin sequera pola incidencia que vén producindo a menor entrada de gas con ocasión da guerra en Ucraína". Todo isto, engade, "determina, que, en orde a valorar os intereses en conflito, teña que inclinarse esta sala por favorecer a protección de medio ambiente e, por tanto, ordenar a suspensión cautelar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta