A dieta atlántica, mellor ca mediterránea?

A Dieta Atlántica é saudable, bioactiva e repercute na mellora da saúde e do benestar de toda a poboación, afirma Rosaura Leis, profesora de Pediatría da USC

Por Galicia Confidencial | Redondela | 09/10/2014 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A profesora de Pediatría da USC Rosaura Leis Trabazo afirmou o xoves  en Redondela que a da Dieta Atlántica, “a nosa dieta”, remarcou, é “saudable e bioactiva con importantes repercusións para a saúde e para o benestar da poboación, desde a infancia á ancianidade”. Neste mesmo senso, a tamén coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición Pediátrica do Departamento de Pediatría no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, salientou que un “ envellecemento saudable require duns hábitos de alimentación, actividade física e inactividade adecuados desde idades moi temperás, incluso desde o período previo á concepción, polo que a atención da muller en idade fértil e durante o embarazo é prioritaria, así como a do neno desde o nacemento”.

Os ingredientes da Dieta Atlántica tradicional

Rosaura Leis e Rocío Vázquez quixeron deixar constancia durante a súa intervención de que a Dieta Atlántica tradicional se caracteriza por alimentos de tempada, frescos e minimamente procesados, abundantes froitas e verduras, peixes, moluscos e crustáceos, tanto de mar como de río, consumo moderado de lácteos, de carne, de ovos e de sobremesas compostas principalmente por fariña, ovos e froitos secos, uso de prebes de baixa carga enerxética e alta calidade de graxa (como exemplo temos a allada, tan frecuente na cociña galega), abundancia de auga de mananciais, consumo moderado de viño nas comidas na idade adulta, uso preferente do aceite de oliva tanto para aliñado como para cociñar e preparación culinaria que prioriza o vapor, a cocción, o forno, a prancha e o guisado á fritura.

A profesora Rosaura Leis, acompañada de Rocío Vázquez Cobela, investigadora na Unidade de Investigación en Nutrición, Crecemento e Desenvolvemento Humano de Galicia (GALINUT) da USC, trataron este mércores en Redondela, nunha intervención moderada polo xornalista Roberto Castro Sieiro, o tema Dieta Atlántica, na alimentación para todas as idades. Pola mañá, Lesis e Vázquez falaron para os estudantes dos IES Mendiño e Pedro Floriani, mentres que, xa en quenda de tarde, ofreceron un novo relatorio na Casa da Cultura, nunha sesión aberta a toda a cidadanía.

Entre os beneficios da Dieta Atlántica, Rosaura Leis fixo especial fincapé nos alimentos do mar, “por mor tanto da súa composición en micronutrintes como en ácidos graxos omega-3 de cadea moi longa (LCPUFAS) e de compoñentes bioactivos”. Ademais, achegou o dato de que o cerebro e a retina son os órganos máis ricos en Omega-3 e que durante o embarazo e os dous primeiros anos de vida “o seu desenvolvemento é máximo”. Daquela, “canto maior sexa o nivel na dieta de omega-3 no embarazo e durante a lactancia materna, maior será o beneficio sobre estes órganos no feto, na nai e no neno pequeno”, apostilou.

As relatoras salientaron asemade que en estudos sobre os procesos neurodexenerativos e de alteracións da medula espiñal, evidenciáronse beneficios coa administración de omega-3. Verbo das enfermidades cardiovasculares, a profesa da USC destacou que “os omega-3 favorecen unha mingua dos eventos cardíacos e a súa fatalidade, así como a limitación da evolución da arteriosclerose”.

Ademais, achegou datos que evidencia “beneficios sobre a inflamación, compoñente de moitas enfermidades crónicas, así como sobre o metabolismo dos lípidos, a insulina e a síndrome metabólica, principais causas actuais de morbilidade e de morte”. Ademais, “compoñentes funcionais das froitas e das verduras, como o resveratrol do viño vermello, parecen xogar un papel positivo importante na saúde e na lonxevidade”, destacou.

Consumo de alimentos por comunidades autónomas

En canto ao consumo de alimentos e analizando as diferenzas entre as comunidades autónomas atlánticas e mediterráneas, as relatoras salientaron que as comunidades atlánticas consumen máis pan, patacas frescas, froitas, aceite de oliva, leite semidesnatada e desnatada, iogurt, peixes (tanto azuis como brancos), moluscos e crustáceos, carne de vacún, tenreira e porco e viño tinto. 

As comunidades do Mediterráneo, pola contra, consumen máis hortalizas, queixo e cervexa. Así mesmo, a porcentaxe de persoas maiores de 65, 85 e 100 anos nas comunidades atlánticas é máis elevado que nas mediterráneas e superior á media xeral de España. “Este fenómeno de maior expectativa de vida, loxicamente ademais de coa xenética, debe relacionarse coa alimentación e con ou estilos de vida saudables”, afirmaron.

Doutra parte, quixeron facer fincapé en que situación xeográfica do norte atlántico español con Galicia como o Finisterrae de Europa, así como a propia estrutura do hábitat, as comunicacións e os costumes, o que favoreceu un menor impacto do turismo e dos cambios que supuxo nestes 40 últimos anos en relación coas rexións do Mediterráneo, mantendo a súa adherencia á Dieta Tradicional, “o que podería axudar á prevención das patoloxías prevalentes como o sobrepeso e a obesidade e enfermidades dexenerativas como as cardiovasculares, diabetes tipo II, síndrome metabólico, enfermidades neurolóxicas, osteoporose e certos tipos de cancro”.

As dúas investigadoras deixaron clara a mensaxe de que a conservación dos compoñentes esenciais e do modo de preparación culinaria (cocido, prancha, forno máis que fritura) da Dieta Atlántica, xunto coas melloras xenéticas tanto en alimentos do reino animal, vexetal e mariño-acuicultura, así como a incorporación de novos alimentos saudables, debe favorecer aínda máis o estado de benestar e de saúde da poboación atlántica.

A cita de Redondela é a quinta que se celebra dentro das xornadas divulgativas A conservación do medio natural, tarefa común, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela, que se están a celebrar en 20 concellos vinculados ó Camiño de Santiago. A próxima cita será en Verín, o venres 10 de outubro, e versará sobre o tema Tipoloxía de innovación no sector lácteo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta