Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2022 | Actualizada ás 12:31
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, valorou positivamente a vacinación nas residencias de maiores, que finalizou o pasado xoves, "antes do previsto", cunha porcentaxe por encima do 97% de vacinados de gripe e máis dun 93% da cuarta dose da Covid-19.
Segundo explicou García Comesaña en declaracións no municipio coruñés de Noia, a diferenza entre as dúas vacinas débese a que aos que pasaron a enfermidade recentemente "recomendar esperar tres meses para porse esta dose de reforzo". En todo caso, o conselleiro cualificou o resultado de "excelente".
Así mesmo, sobre a resposta dos maiores de 80 anos, citados a través de SMS nos grandes centros de vacinación, o titular de Sanidade asegurou que polo momento foi "moi boa" e manifestou que se reforzaron os aspectos de mobilidade "con cadeiras de rodas ou voluntarios".
AVANZAR "O MÁIS RÁPIDO POSIBLE"
Nesta mesma liña, García Comesaña afirmou que durante este fin de semana desprazouse a estes centros xente que non estaba citada, algo que, insistiu, xa apuntaran que ían facilitar. "É o caso de xente que vivía no mesmo domicilio e que tiña citas en días diferentes, non hai problema por que vaian xuntos e se vacinen o mesmo día, ou xente que adiantou este fin de semana a súa visita por motivos de dificultade de mobilización", detallou.
Por outra banda, reivindicou que avanzan "o máis rápido posible" na vacinación deste grupo de idade "preservando a actividade nos centros de saúde", xa que, continuou, "facéndoo nos puntos masivos, redúcese moito o impacto nos centros de saúde".
Ademais, Comesaña insistiu en que se algunha persoa non pode acudir aos grandes centros de vacinación, realizaráselles unha segunda chamada para asistir ao centro de saúde de referencia, "o mesmo no que se puxo as tres doses anteriores" ou, no caso de que así o estime o persoal sanitario, "irase aos seus domicilios".
PSDEG
Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, apelou á "sensibilidade" da Xunta e en concreto do seu conselleiro de Sanidade para reconsiderar a citación nos grandes recintos aos maiores de 80 anos. En fronte, o PPdeG volveu defender este modo e insistiu en que aquelas persoas que non poidan acudir por distintos motivos a estes vacinódromos teñen a posibilidade de poñer a vacina, en pouco tempo, nos centros de saúde habituais.
Así, remarcou que este sistema funcionou ben e pediu "non" lanzar mensaxes que poidan ir en contra da asistencia á vacinación, á vez que considerou que unha "incidencia" puntual como o desaloxo da Cidade da Cultura non é motivo para repensar a estratexia de vacinación.
Os socialistas galegos expuxeron unha vez máis as súas queixas respecto deste sistema e apelaron ás queixas de usuarios e críticas que tamén parten das propias filas populares, en referencia ao alcalde de Quiroga. Así, puxo como exemplo do que implica a citación nestes grandes centros o feito de que haxa que percorrer decenas de quilómetros ata o hospital de referencia e que, mesmo, en poboacións como Negueira de Muñiz non hai en toda a semana ningún servizo de transporte público para desprazarse.
"Podería contratar a persoal nos centros de saúde, que son evidentemente moito máis próximos á cidadanía e aos que acoden todos os días os nosos maiores", aseverou Luís Álvarez, quen aseverou que a vacinación foi "un éxito colectivo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.