A dimisión sempre chega tarde

Suponse que o médico que opera a corazón aberto ten o pulso firme e a cabeza fría; e suponse certa ecuanimidade ao xornalista que abre sobre a súa mesa as vísceras, os vómitos e as diarreas de media ducia de políticos cheirentos; pero ¡que ganas de darlle unha labazada á ministra Mato e mandala a casa en Jaguar!.

Por Valentin Carrera | Compostela | 10/10/2014

Comparte esta noticia
Xa estamos outra vez ás voltas con “a culpa” do traballador, o eslavón máis débil da longa cadea de despropósitos, irresponsables e neglixentes que se ocultan e parapetan nos despachos. 
 
En Galicia ocorreu a desgraza do Prestige: está na mente de todos nos aquela marea negra da que Rajoy dixo que eran apenas uns “hilillos” e estragou as rías e arruinou moitas familias. Daquela, todos foronse de rositas, os da farsa e os castizos e a ¿¿Xustiza?? cargou a culpa sobre os ombreiros cansos dun ancián capitán grego, vencido polas circunstancias. 
 
Logo foi o accidente do Yak-42 e morreron 75 militares e tripulantes tras incontables anomalías e fallos, pero tres militares –un xeneral, un comandante e un capitán– comeron un marrón pequeno e foron pronto indultados polos servizos prestados, mentres Federico Trillo perfecciona o seu inglés na embaixada de London.
 
En 2006 houbo 43 mortos no metro de Valencia e a doutrina oficial (Camps, PP) sentou que o condutor do metro era o único responsable, e a Xustiza tardou oito anos en iniciar outras posibles imputacións.
 
Veu o terrible accidente de Angrois, 79 mortos: hoxe mesmo recibín o auto 351/2014 no que a Audiencia exculpa a todos, excepto ao condutor do tren, a quen deberían poñer un capirote e pasear xa polas novas rúas medievais (os platós de televisión) para público escarmento.
 
Agora, un Goberno selectivamente humanitario meteunos en casa un virus que ignorabamos mentres fixese a súa colleita mortífera no corazón de África, e unha auxiliar de enfermería, que se presentou voluntaria para atender a un moribundo, é aos ollos do infame Conselleiro de Sanidade de Madrid, e de quen lle corean e sosteñen, a culpable de poñer a súa propia vida en perigo. Ademais de insultala (inútil, mentireira, irresponsable), estanlle chamando suicida, mentres que ningún deles, empezando pola ministra Ana Mato, recoñeceu algún erro ou ten asumida algunha remota responsabilidade.
 
Culpable o capitán Apostolos Mangouras. Culpables os condutores José Garzón e Joaquín Pardo. Culpable a voluntaria Teresa Romero. 
 
Inocente Cascos, que estaba de cacería, e Rajoy, que só viu hilillos. Inocente polo puto morro xudicial a plana maior de ADIF que tiña competencias plenas en seguridade. Inocente Camps o dos impecables traxes; inocente Trillo, que estaba de paso en Honduras. Inocente Ana Mato, que non sabe nin o coche que tiña o seu marido no garaxe.
 
¿Ata onde ten que chegar a indignación, o clamor popular, para que un ministro inútil asuma dunha vez por todas a súa responsabilidade política, persoal e intransferible? Teresa Romero cometeu un erro e vaino a pagar moi caro, coa súa vida, mentres á ministra Ana Mato e a este Goberno, os seus erros sáenlles gratis: pagámolos todos. @ValentinCarrera

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].