O BNG denuncia "responsabilidades compartidas" entre a Comisión Europea e o Goberno no veto á pesca

A formación nacionalista demanda "medidas compensatorias" para as persoas afectadas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2022 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou a existencia de "responsabilidades compartidas" entre a Comisión Europea e o Goberno central na implantación do regulamento europeo que veta a pesca de fondo en 87 caladoiros do Océano Atlántico aprobada o pasado 15 de setembro e que entrou en vigor o pasado domingo, día 9 de outubro.

Miranda reprochou ao Executivo non presentar un recurso "antes, en tempo e forma". "Hai un problema coa actuación que tivo o Estado, sen quitarlle ningunha responsabilidade a esta decisión ruinosa que provocou a propia Comisión Europea", puntualizou. Así o sinalou este venres ante os medios de comunicación, tras unha reunión coa directiva da Lonxa da Coruña e representantes da frota afectada polo veto da UE.

Ao encontro tamén asistiron as deputadas do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez e Mercedes Queixas, así como o portavoz nacionalista no Concello herculino, Francisco Jorquera. "Estamos a intervir nos tres parlamentos de forma contundente en apoio ao sector", destacou Miranda ante os medios de comunicación.

MEDIDAS COMPENSATORIAS

A eurodeputada explicou que o vindeiro xoves, día 20, no pleno do Parlamento Europeo haberá un novo debate no que os nacionalistas esixirán os informes de impacto socioeconómico e os documentos científicos nos que se baseou a Comisión para tomar esta decisión. Demandarán, ademais, medidas compensatorias para o sector.

Na mesma liña falou Jorquera, quen instou ao Goberno central a que presente "dunha vez" recurso acompañado da esixencia de que haxa unha moratoria na aplicación desta regulación ou unha suspensión cautelar. "Ten que haber mentres tanto medidas compensatorias", apostilou.

CONSECUENCIAS DO VETO

Pola súa banda, o presidente da Lonxa da Coruña, Juan Carlos Corrás, lamentou que os barcos "xa estean a empezar a sufrir as consecuencias" deste veto. "Foi un fin de semana de tolos para os barcos, para os patróns e para as empresas", sinalou. Neste sentido, advertiu de que especies como o ollomol e a palometa vermella "loxicamente van ter menos presenza" nos mercados e mostrouse preocupado pola evolución da pescada e o rape. "Aínda é pronto pero ao longo desta semana verase", sentenciou.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e as deputadas do BNG no Parlamento galego Rosana Pérez e Mercedes Queixas, nunha reunión mantida coa directiva da Lonxa da Coruña e representantes da frota afectada polo veto da UE. BNG
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e as deputadas do BNG no Parlamento galego Rosana Pérez e Mercedes Queixas, nunha reunión mantida coa directiva da Lonxa da Coruña e representantes da frota afectada polo veto da UE. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta