Cerámica chinesa e italiana e cuncas para chocolate do século XVI, entre os achados no Convento de Santa Clara

As escavacións e estudos arqueolóxicos realizados sacaron á luz unhas 8.000 pezas de cerámica, moedas, ferro e outros materiais.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 14/10/2022 | Actualizada ás 17:13

Comparte esta noticia

As escavacións e estudos arqueolóxicos levados a cabo nos últimos meses no convento pontevedrés de Santa Clara sacaron á luz unhas 8.000 pezas de cerámica, moedas, ferro e outros materiais que permiten facer unha primeira reconstrución de como era a vida no convento, incluso dando a coñecer algunhas curiosidades como que as monxas consumían chocolate no século XVI.

Traballos no convento de Santa Clara
Traballos no convento de Santa Clara | Fonte: Concello de Pontevedra.

O director dos traballos, Rafael Rodríguez, explicou que, entre a cerámica atopada nos 780 metros cadrados escavados, hai moitas xícaras, cuncas específicas para tomar chocolate, datadas de hai 500 anos.

O arqueólogo xefe tamén engadiu que hai evidencias de que eran moitas as familias con "posibles" que enviaban ao convento as súas fillas porque estaba "en auxe", xa que hai mostras da existencia de boa cantidade de elementos cerámicos como os que se comprarían nunha casa con alto poder adquisitivo.

Precisamente é a cerámica o elemento que máis documentación está a revelar sobre a vida das monxas no convento. Atopáronse milleiros de pequenas pezas en moi bo estado de conservación que van desde o século XIII ata a actualidade, e de moi diferentes orixes: chinesas, andaluzas, inglesas ou italianas, entre outros.

Todo isto, a falta de análises antropolóxicas pendentes, supón unha gran base para coñecer a alimentación das clarisas, a economía e o puxante comercio na zona.

Outro dato que destacaron os arqueólogos son que as orixes tan diferentes da cerámica mostran que o comercio en Pontevedra naquel tempo era importante, xa que, moi probablemente, algúns útiles chegaban de Oriente a través de galeóns pola ruta da Seda ata Sevilla e desde a cidade andaluza subían ata Galicia.

Segundo comentou Rafael Rodríguez, o director da escavación, o convento foi un espazo "dinámico, de moito movemento, e vivo", ao que chegaban materiais de moitos puntos do mundo e no que se facían moitas obras, aínda que non todas se finalizaban.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta