A Xunta ve "desexable" unha candidatura conxunta da Coruña e Santiago para acoller a Axencia de Intelixencia Artificial

O alcalde compostelán mantén a súa oferta de cooperación á cidade herculina, que se desmarca.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/10/2022 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, insistiu en que o Goberno galego "non vería mal" e mesmo é "desexable" unha proposta conxunta galega para a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia), aínda que recoñeceu que "depende das distintas candidaturas".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: David Cabezón - Xunta de Galicia.

Tras reunirse co alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, Rueda volveu a evitar situarse a prol dunha das propostas, entre as que se atopan, ademais da capital galega, A Coruña e Ourense.

Así, reiterou que quen ten que decidir a localización da Axencia "non é a Xunta", senón que o Ministerio correspondente "examinará as distintas solicitudes e decidirá".

En todo caso, sinalou que se finalmente houbese unha soa candidatura, apoiaríaa, pero se houbese máis dunha, a Xunta "terá que priorizar".

Deste xeito, se non hai consenso, asegurou que o Goberno galego cumprirá coa súa "obriga" de "priorizar". Farao, continuou, a través do Nodo e segundo as bases da convocatoria estatal que determinen máis opcións de imporse ás propostas doutras comunidades. "Este é o procedemento", remarcou.

Así mesmo, asegurou que a Xunta "tentará que os beneficios da chegada a Galicia" deste centro "cheguen a todos os candidatos con independencia de onde estivese".

Pola súa banda, o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, lembrou que "se se comparte e unen esforzos", a candidatura será "máis forte" e estará "en mellor posición de gañar esa competición a nivel estatal".

Nesta mesma liña, Bugallo insistiu en que a oferta da capital galega "segue sendo aberta á Coruña" e argumentou que, aínda que a sede "formalmente ten que estar nun sitio", contémplanse "dous tipos de servizo", a parte administrativa e os servizos de laboratorio.

Por iso, o rexedor compostelán defendeu que "nada esixe que estean no mesmo edificio e en ningún punto di que non poidan estar nun concello diferente".

A CORUÑA AVANZA POLA SÚA CONTA

A corporación municipal da Coruña apoiou, de forma unánime, pedir para esta cidade a sede da AESIA e demandar á Xunta o apoio á candidatura coruñesa.

Fíxoo nun pleno extraordinario con este único asunto na orde do día e despois de que o Goberno central dese comezo, o pasado 13 de setembro, o proceso de elección para escoller á cidade onde se emprazará a sede.

Na súa intervención, o portavoz do goberno local, José Manuel Lage, asegurou, en relación á petición feita á Xunta, que se trata de "defender, que non de favorecer, os intereses dunha cidade capital tecnolóxica de Galicia". "Por medios e por tecido empresarial", apostilou. Ademais, avanzou o ofrecemento do edificio da Terraza, no centro da cidade, como sede da Axencia, así como a Cidade das TIC. No caso da Terraza, actual sede de RTVE, dixo que se lle ofrecería un espazo alternativo.

Todos os grupos, BNG, PP, a Marea Atlántica e a concelleira non adscrita de Podemos Isabel Faraldo, apoiaron a proposta, aínda que non sen críticas ao goberno local polo feito de que se decatasen antes polos medios de comunicación da convocatoria deste pleno.

Desde o PP, denunciaron que non se fixeron "os deberes". "Non presentaron un proxecto", sinalou o seu portavoz, Miguel Lorenzo. "Non lle conta aos seus compañeiros as reunións que tivo", replicoulle Lage en referencia á alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta