Malestar en Santiago e Ourense polo apoio da Xunta á Coruña como sede da Axencia Estatal de Intelixencia Artificial

O Concello compostelán quéixase dos criterios e estuda reclamar. Ourense continuará coa súa candidatura tras a "declaración de guerra administrativa" da Xunta

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/10/2022 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

Nin Santiago de Compostela, nin Ourense. A Coruña será finalmente a cidade que contará co apoio da Xunta de Galicia para ser candidata á sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia). Unha decisión moi discutida polo Concello de Santiago, que estudo reclamar a decisión.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, na reunión do Nodo GALICIA.. XUNTA
O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, na reunión do Nodo GALICIA.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Así o avanzou ante os medios o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, tras a reunión do Nodo Galego de Intelixencia Artificial (Nodo GALICIA) celebrada este luns, con asistencia de representantes do Goberno autonómico, do tres universidades públicas galegas e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Durante a reunión, de case tres horas de duración, os representantes analizaron máis de 200 indicadores de diversa índole --demográficos, socioeconómicos, loxísticos e científicos-- e determinaron que A Coruña é a cidade idónea para ser candidata a albergar este organismo.

Ao finalizar o encontro deste luns, o director da Amtega insistiu en que, "por unanimidade", escolleuse a cidade herculina como a mellor situada para liderar unha candidatura que terá "carácter de país", aínda que terá que competir contra outras interesadas a nivel estatal, como Granada, Xixón e Alacante.

En palabras de Cerviño, na avaliación das "capacidades e fortalezas" das tres urbes candidatas, "tomou moita importancia a parte de ecosistema TIC, tanto no relativo á ciencia e investigación como á parte de empresas", así como "os temas de cohesión territorial e de conexións" con outras cidades estatais e europeas.

O director da Amtega subliñou que, fronte aos criterios "xenéricos" establecidos polo Estado, a Xunta tentou establecer uns que fosen "obxectivos" e, finalmente, A Coruña é a candidatura apoiada.

Con todo, está por ver se algunha das outras dúas cidades que xa mostraron interese en emprender a carreira pola Aesia continuarán nela por separado, posto que o Goberno central tamén acepta que sexan as corporacións locais as que presenten formalmente a candidatura.

ALCALDESA DA CORUÑA

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acolleu "con moita satisfacción" esta decisión da Xunta e insistiu en que "é a mellor situada". "É unha boa noticia que ten que culminar coa elección da Coruña como sede da Aesia. Traballaremos para conseguilo", puntualizou Inés Rey.

Pola súa banda, o candidato do Partido Popular á Alcaldía, Miguel Lorenzo, tamén mostrou satisfacción tras coñecerse a decisión do Nodo GALICIA e afirmou estar convencido de que a alcaldesa "vai exercer agora o liderado necesario para axuntar apoios e promocionar a candidatura nos foros adecuados a nivel nacional para que a nosa cidade consiga a sede"

Desde a Marea Atlántica cualificaron de "excelente noticia" un anuncio que supón "recoñecer o papel da cidade como principal referente do sector TIC en Galicia". "Esperamos que a alcaldesa aproveite o tempo que falta ata a presentación definitiva da candidatura ante o Estado para sumar apoios e tecer consenso", indican.

Desde o BNG celebran tamén o ditame e confían en que o Goberno central resolva situar na cidade a sede. Así, inciden en que a urbe coruñesa "reúne as mellores condicións para ser polo de referencia estatal" neste ámbito.

MALESTAR EN SANTIAGO

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, cuestionou os criterios fixados pola Xunta para decidir apoiar a Coruña. Ademais, avanzou que estudará formular "algún tipo de reclamación".

Bugallo recalcou que este órgano está formado "en dúas terceiras partes" pola Xunta --acudiron, entre outros, o vicepresidente primeiro, Francisco Conde, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos--, mentres que o outro terzo eran os reitores das tres universidades públicas.

"Non temos coñecemento aínda de cales foron os criterios seguidos. O que si podo manifestar é que todos os datos que manexamos, todas as estimacións que fixemos, saía con absoluta claridade que a opción gañadora debería ser Santiago", subliñou o alcalde, quen se reservou se o Concello prevé formular alegacións á decisión.

Ademais, Bugallo queixouse de que a Xunta establecese máis de 200 indicadores propios que eran "distintos" aos criterios establecidos polo Goberno central para levar a cabo o proceso de selección final. "Non tería sentido gañar a carreira en Galicia e logo perdela en España", advertiu o rexedor compostelán.

En calquera caso, o goberno local prevé reunirse de novo o vindeiro luns, 31 de outubro, con axentes sociais e representantes dos grupos políticos para avaliar esta decisión do Nodo e adoptar a decisión que consideren "oportuna".

Cabe lembrar que a elección deste luns limítase a cal das cidades recibirá o apoio da Xunta na súa candidatura. Así, tanto Santiago como Ourense aínda poderían emprender por libre a carreira pola Aesia, posto que o Goberno central tamén acepta que sexan as corporacións locais as que se postulen formalmente.

A OPOSICIÓN CULPA O ALCALDE

Por parte da oposición, o presidente do PP local e candidato á Alcaldía nas eleccións municipais de maio, Borja Verea, culpou directamente o alcalde e á súa "falta de iniciativa" polo 'non' recibido na reunión do Nodo. E é que, segundo denunciou, a propia proposta que lanzou Bugallo dunha candidatura conxunta coa Coruña significaba que "dubidaba da capacidade do seu propio proxecto". En definitiva, considera que é "unha mala nova, porque se algo necesita Compostela son investimentos produtivos e empregos de alto valor engadido".

Mentres tanto, a portavoz municipal e candidata do BNG, Goretti Sanmartín, achacou a non designación de Santiago á "falta de peso político" do alcalde, a pesar de que "tivo meses para preparar a candidatura e os avais necesarios".

"É unha oportunidade perdida e unha pena para Santiago de Compostela, e isto ocorre pola falta de diálogo, de traballo en común cos axentes sociais e de convencemento ante o presidente da Xunta, cun PP que non optou por defender a proposta de instalar na capital do país a sede da Aesia", recalcou a portavoz nacionalista.

OURENSE FALA DE "GUERRA ADMINISTRATIVA"

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, confirmou que a cidade continuará en solitario coa súa candidatura a albergar a Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial. O rexedor considera que a decisión da Xunta é "unha declaración de guerra administrativa" a Ourense.

"O que nos fixeron hoxe é un dos actos máis icónicos e con máis significado para Ourense, confirma que somos a Cincenta de Galicia e que a Xunta está disposta a que sigamos séndoo", censurou.

Nesta mesma liña, criticou que o Executivo galego exerceu de "Poncio Pilatos" porque "lavou as mans" esgrimindo que a decisión final é dunha decisión técnica do Nodo, "enmascarando que en realidade é unha decisión política".

"É un atentado político administrativo coa cidade. Non nos queda outra que romper hostilidades coa Xunta de Galicia", manifestou Pérez Jácome, tras insistir en que se trata dunha "discriminación absoluta".

De feito, lembrou que a filosofía da convocatoria orientábase cara a "as cidades deprimidas economicamente e con despoboamento, como é o caso de Ourense, que, por desgraza, cumpría todos os puntos que se demandaban".

Así, recriminou que a Xunta optou pola Coruña a pesar de ser "unha das cidades máis beneficiadas da Comunidade xunto con Santiago de Compostela e Vigo", unha cidade "moi forte en investimentos da Xunta e en investimentos estatais". "Vanlle dar máis e quitarlle máis a Ourense", apostilou.

O rexedor engadiu ademais que o impacto da sede en Ourense "sería, segundo os indicadores, catro veces superior ao que terá na Coruña", e con todo optan porque sexa alí, "algo realmente intolerable".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 ixtlan

Así é Galicia: competencia entre cidades, entre provincias, entre parroquias... en lugar de chegar a acordos de País. Por iso os logros van a onde se chega a acordos.

1 Moine

Já está bem de copiar o parasitismo madrilenho por parte do Concelho de Santiago. Nom se pode nem se deve centralizar os organismos públicos numha soa cidade. Na minha opiniom, a Agência Estatal de Inteligência Artificial deveria ir para umha das cidades ou vilas do interior do País, que é a parte da Galiza que mais sofre a desertificaçom industrial e a praga da emigraçom. Todo o demais é seguir mantendo umha concepçom classista da funçom pública.