Por Galicia Confidencial | Allariz | 27/10/2022 | Actualizada ás 09:00
Días atrás presentábase oficialmente a sexta edición do Allariz de Medo e as actividades programadas para este 2022. Repetirase a iniciativa "o Xardín das Cabazas", que estará localizado na Praza do Matadoiro dende o venres 28 ata o domingo 1, para que as crianzas coloquen a súa cabaza de Samaín. Segundo a lenda de Samaín as cabazas colocábanse iluminadas nos muros para que as ánimas que regresaban na noite de defuntos lembraran o camiño de volta.
PARA PÚBLICO INFANTIL
O venres 28 comezará a programación cun "Roteiro de Ánimas Infantís" que partirá do alto da rúa de Santo Estevo e rematará no Alto do Portelo ás 20:00 h. Os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos que queiran participar deberán anotarse nun formulario que hai na web do concello e a capacidade do roteiro será limitada.
O sábado 29 as actividades comezará xa de mañá co contacontos "Contos de medo que deixan durmir" de Caxoto Cativo --ás 12.00 h na praza do Matadoiro--, e pola tarde haberá un obradoiro de decoración de cabazas sendo necesario tamén anotarse previamente na web devandita. Haberá dúas quedas entre as 18:00 h. e as 20:00 h. con prazas limitadas.
PENSANDO NA MOCIDADE E RESTO DE PÚBLICO
A partir das 23 h. no campo dos brancos estará a Discomóbil Apocalipsis, con DJ Markox Gon e Dj Paolo Seone que porán a nota musical neste sábado de terror.
O domingo 30 haberá animación polas rúas de Allariz, e o luns 31 a Santa Compaña visitará as rúas de Allariz de 19:00 h. ás 20:00 h. no previo á noite de defuntos. A continuación, música para todos os públicos na Praza Maior a partir das 23:00 h. e ata a 01:00h a cargo da Discomóbil Space.
A concelleira María López recalcou na presentación a importantancia de coidar e manter estas tradicións sen necesidade de apropiarnos de outras que veñen de fóra, facendo que as novas xeracións sexan participes destas festas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.